O amargo ano de Sarabela

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

A representación do «Soño dunha noite de verán» pechou a terceira edición do Fito, adicada ao desaparecido Suso Díaz

01 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O 2010 xa é por dereito propio o «annus horribilis» para a familia Sarabela. A perda de dous dos seus integrantes e colaboradores tronzou as esperanzas e os proxectos, as ilusións e os premios tantas veces compartidos. Mais os ourensáns son xente de teatro e de palabra, por riba de todo, e saben que ademais do tópico de que o espectáculo debe continuar, non se pode renegar da vida, que a fin de contas non é outra cousa que tomar decisións e dar cumprimento aos proxectos pendentes. E nesas loitas pendentes Ánxeles Cuña e os seus compañeiros de Sarabela botáronse ás costas unha nova edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense. Un Fito que, contra o que se diga ou contra o que se poda valorar ou afirmar, foi ledicia amarga, ocos, ausencias, lembranzas e a imaxe e recoñecemento para un compañeiro querido e roubado no mellor da vida, Suso Díaz, a quen se lle adicou esta terceira edición do certame.

Un as na manga serviu para pechar o telón do Fito 2010. Ur é sinónimo de calidade, de propostas escénicas que nunca deixan indiferentes e que engaiolan ao personal dende o primeiro momento. Os vascos, con novos e flamantes recoñecementos no seu poder, trouxeron a Ourense o seu clásico Soño dunha noite de verán e lembraron a súa relación fraternal con Sarabela: «Comezamos xuntos e sempre tivemos un percorrido moi cercano, somos como irmáns», sinalaba a súa directora ao tempo que dende a formación vasca se falaba de Suso Díaz dende o sentimento: «Era unha marabilla e unha delicia de persoa. Varias integrantes da compañía traballamos con el nalgunha ocasión e a verdade é que estamos consternados».

Sempre a mellor

O Festival Internacional de Teatro de Ourense 2010 baixou onte o pano. Ánxeles Cuñas e os seus compañeiros de Sarabela quedan coa desilusión de non poder traer a Ourense as propostas que tiñan previstas dende Brasil e Sudáfrica, mais coa satisfacción do traballo ben feito e o respaldo do público. E matinando en mellorar o Fito.