«Os galegos temos a autoestima moi baixa»

Sara Lorente

OURENSE

Un experto en economía descubre novos datos sobre a Guerra da Independencia na bisbarra valdeorresa

09 jul 2009 . Actualizado a las 10:48 h.

Este venres, no edificio Multiusos do Concello de O Barco, o catedrático da Universidade de A Coruña, escritor e investigador, Luís Alonso Álvarez, ofrecerá unha conferencia baixo o título «A Guerra da Independencia en Valdeorras». Nesta cita, prevista para as oito da tarde e organizada polo Instituto de Estudios Valdeorreses, o investigador desvelará novos datos sobre o que foi a resistencia dos poboadores da bisbarra á invasión das tropas francesas.

-¿Por que lle interesou o tema da Guerra da Independencia en Valdeorras?

-No arquivo histórico da Biblioteca de Madrid hai documentos top secret , por así dicilo, sobre a Guerra da Independencia nesta comarca valdeorresa que delatan os desastres e violacións que sufriu a xente por parte dos franceses. Hai dous papeis en concreto moi interesantes: a Constitución Fernandista de 1808; e un escrito do comandante dos partisanos barquenses, que data de 1809. É importante distinguir entre as guerrillas, que eran civís, e os partisanos, que estaban organizados militarmente e fixeron grandes movementos de tropas. Os arquivos non introducen grandes cambios, pero si moitos matices da historia, e os matices son a esencia de todo. O Instituto de Estudios Valdeorreses soubo de que tiña isto entre mans e pediume que dera, precisamente en Valdeorras, unha conferencia para contalo.

-¿Como a preparou?

-O material que vou a presentar é novo. Para min foi unha casualidade atoparme con isto, porque eu estaba buscando outra cosa. Ante todo centrareime en dous momentos históricos importantes: a entrada dos franceses en Valdeorras, no 1808, e na súa saída, en 1809. Das persoas que figuran nos documentos que atopei, destaco catro delas: José Ramón Quiroga, que actuou dende Ponferrada e Astorga, chegando ata Monforte; o seu irmán Bernardo Ramón Quiroga, que foi vocal de la Junta de Galicia e parlamentario nas Cortes de Cádiz; Francisco Andrés Losada, e Antonio José Ruíz de Padrón, quen tamén estivo nas Cortes de Cádiz.

-¿Que é o que lle gustaría que á xente lle quedase desta charla?

-Algo importantísimo, aumentar a autoestima como pobo. É necesario recuperala, xa que creo que os galegos a temos moi baixa. Somos moito máis do que parecemos, o que ocorre é que a memoria histórica rompeuse por razóns que descoñezo.

-¿Ten pensado seguir investigando no tema?

-Eu non me dedico a isto. Son catedrático e trato temas de economía. Isto é algo circunstancial, e aínda que teño algúns traballos pendentes son en cuestións empresariais.

-¿Que o une a O Barco?

-Son natural de O Barco, teño varios familiares que tamén son de aquí, e tamén conservo moitos amigos.