Organizou unha concentración de tractores para este fin de semana que inclúe probas de habilidade
23 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.José Abadín é médico en Celanova, onde reside dende hai dúas décadas, pero neste ano decidiu organizar pola súa conta un verán lúdico e cultural para o pequeno pobo onde naceu, o de Corgo, en Sandiás. Nela incluíu a primeira festa etnográfica, fiadeiros e ata unha concentración de tractores.
-¿Cómo se lle ocorría a iniciativa?
-Supoño que pola idade. Son desa xeración de persoas de cincuenta anos que aínda recordamos como era a vida de antes nos pequenos pobos, e como os veciños se xuntaban para facer cousas. Hoxe en día coa tecnoloxía esa necesidade non existe e cada un vai máis ao seu, polo que nos pobos estanse a perder as relacións de veciñanza. Pero todo empezou por unha cuestión persoal, porque me deu por ir máis a miúdo e empezar a traballar algunha leira. Sementei centeo e andei buscando por un montón de sitios unha malladora. E falando coa xente, e vendo que lles facía ilusión, pensei que ben podía xuntalos a todos para facer eses traballos da sega e da malla.
-¿E os veciños implicáronse?
-O certo é que si, aínda que tivemos algún problema por exemplo para atopar vacas na contorna que tiraran do carro, que tampouco quedan, así que optamos polo tracto. Pero a resposta está sendo incrible e ves que a xente, sobre todo a máis maior goza. Cando fixemos a sega, pois claro os que nos puxemos a elo de primeiras non tiñamos nin idea, porque nunca habíamos segado. Pero eles nos foron indicando e corrixindo e algún parecía ao final da xornada como si houbera segado toda a súa vida. Tamén me dixeron o que fixera mal na sementeira, que a realicei con rego ao modo tradicional e usei o mosquito das patacas co que os regos quedaron moi separados e na sega facíase incómodo. Para o ano próximo xa non cometerei o mesmo erro, e supoño que os rapaces que estaban mirando aprenderon tamén algo que posiblemente non terían oportunidade de ver nunca.
-¿Pensa facer a competencia a outras festas similares, como a alaricana?
-Non, para nada. Isto, como digo, xurdiu sen afán de facer unha festa e o único obxectivo é animar á xente deste pobo, no que quedan poucos veciños, a volver a reunirse e establecer ese tipo de relacións que tiñan antes, sen estar cada un tan illado no seu. Aínda que si ven xente a pasar o día con nós, pois será benvida e estaremos encantados.
-¿E o dos tractores?
-É un complemento máis, porque ademais da festa etnográfica, tamén se me ocorreu que podíamos xuntarnos tódolos sábados a charlar, como se facía antes nos fiadeiros. Estámolo facendo, e vendo fotos antigas que eu levo anos recollendo por pura afección, e tamén algún vídeo que atopei do pobo no ano 86. E ocorréulleme que xa que todo o mundo rural está hoxe tan mecanizado ben poderíamos utilizar esas máquinas dun xeito máis lúdico. Así que este domingo faremos unha concentración de tractores, como si fora unha de motos que están tan de moda nestes tempos, e faremos probas de habilidade. Entre elas unha de remolque de tractor, que consistirá en turrar del cunha corda.