O socialista asegura que haberá unha disciminación positiva para «conseguir que Ourense sexa un exemplo a imitar»
06 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Miguel Fidalgo é un clásico da política na provincia de Ourense. Vinte anos na actividade municipal, en dúas ocasións alcalde de Ribadavia, e case tres como deputado autonómico que tiveron continuidade cos outros seis que estivo adicado ás funcións orgánicas do partido. Toda unha vida na primeira liña do PSOE na provincia de Ourense.
-Vencellado principalmente á actividade municipal ¿como afronta a nova etapa como senador?
-Foi unha sorpresa, xa que non contaba con voltar a ostentar cargos públicos. É un honor que confiaran en min para este cometido e máis representar á provincia no Senado se os electores así o deciden.
-¿Como se leva unha campaña tan frenética como a que puxo en marcha o PSOE nestas eleccións?
-É certo que desta vez fixemos unha campaña moi potente para demostrar o grande respecto e compromiso coa provincia. Non o fixemos a medias, dímolo todo. Comezamos a precampaña en setembro, cuns 50 actos para explicar a xestión do Goberno, e desde xaneiro demandando apoio para contar con outros catro anos de goberno.
-¿E a resposta dos cidadáns?
-Estamos desbordados: dende as 5.000 persoas que logramos xuntar en Os Remedios no mitin de Zapatero ás citas que temos por toda a provincia, ás que sempre acude o doble de xente da que tes previsto, a resposta está sendo masiva. E contactamos con tódolos colectivos: dos máis grandes e representativos ós que necesitan máis apoio para vencer a súa discriminación -inmigración, xordos, cegos e outros colectivos-.
-¿Que obxectivos se marca para os vindeiros catro anos como senador por Ourense?
-As miñas prioridades pasan por presentar na cámara todas aquelas cuestións básicas e decisivas para o futuro da provincia: rematar as infraestructuras en marcha -no caso do AVE no 2.012, por máis que Rajoy non queira ver que se están facendo as obras-, lograr a mellor integración da alta velocidade na cidade e rematar coa actual situación -na que o tren parece o muro de Berlín dividindo en dous a Ourense-, materializar o proxecto da circunvalacións, rematar as autovías interiores no prazo más curto posible e todo o que se poda facer para conseguir unha nova situación na que esteamos en condicións de presumir de Ourense, tirarlle a etiqueta de atrasada e sentirnos orgullosos da provincia, que falen de nós con admiración. Nós imos conseguir que Ourense sexa un exemplo a imitar, un referente.
-¿E como se fai para sair das últimas posicións de tódalas estatísticas?
-O noso obxectivo é conseguir a discriminación positiva para a provincia de Ourense e fortes medidas de apoio para conseguir o desenvolvemento económico, que nunca máis se vaia a xente máis válida, ó contrario, que podan voltar porque aquí se dan as condicións para desenvolver o seu traballo con garantías. Ademais imos ter unha ferramenta fundamental na Lei de Desenvolvemento Rural, que está encamiñada a conseguir que os cidadáns do rural vivan coas mesmas condicións e servizos dos que gozan na actualidade os das cidades -banda ancha, melloras en telefonía, sanidade, educación, servizos-. Para min, que son dun pobo, é un soño agardado dende hai tempo.