Programa A xuntanza dos maiores deixa sen prazas os restaurantes do Carballiño
OURENSE
No parque municipal contarase coa presenza dos pulpeiros de Arcos para atender a demanda A segunda edición de «Lecer para as persoas maiores» celebrarase mañá na vila
05 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? segunda edición da festa Lecer para as persoas maiores volverá poñer a O Carballiño como o maior referente de Galicia en canto a este tipo de xuntanzas, superado o desencontro do pasado ano e deixando atrás os medos que suscitou o novo esquema posto en marcha polo departamento de Anxo Quintana. Dende a organización da festa dos maiores informouse onte que a demanda para a xuntanza de mañá ten superado tódalas expectativas creadas para este ano, constatándose ademais que a afluencia de persoas á vila xa esgotou as prazas nos restaurantes do Carballiño. Segundo recoñecía na tarde de onte Manuel Amil, do equipo organizador da festa Lecer para as persoas Maiores, dende a asociación de hosteleiros da vila «xa se nos comunicou que esgotaran as prazas para comer o día 7 e que estaba todo reservado». As reservas estanse a suceder progresivamente e onte mesmo quedaba constancia dun grupo de cincocentas persoas que se desprazarán ata a festa dende a cidade de Vigo para participar na xuntanza. Preto de trinta pulpeiros Outro dos aspectos salientables desta segunda edición da festa organizada por Vicepresidencia da Xunta de Galicia é a participación dos pulpeiros da vila. Logo da importante crise vivida no 2006, no que foi preciso negociar co colectivo ata o último día para garantir a presenza no parque municipal do Carballiño, os pulpeiros estarán na festa coa presenza necesaria para dar resposta á demanda que se poda suscitar. Preto de trinta pulpeiros estarán preparados para cocer as máis de 45.000 racións que está previsto que se consuman na festa dos maiores. O encontro Lecer para as persoas maiores, que mañá celebra a súa segunda edición, é unha proposta da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia que serviu para revitalizar a cita anual do Carballiño e darlle un novo pulo a unha xuntanza que estaba vivindo os seus peores momentos por mór da falta de iniciativas e polo esgotamento do formato. Segundo as cifras que manexa na actualidade a organización de Lecer para as persoas maiores, ata a vila do Carballiño achegaranse entre 30.000 e 33.000 persoas o día 7 para participar na xuntanza da terceira idade. Aínda que o maior número dos participantes corresponde á provincia de Ourense, ata o parque municipal do Carballiño está previsto que viaxen persoas de toda Galicia, Asturias e Castela León para estar neste encontro de persoas maiores.