Os nosos ríos

VÍCTOR VÁZQUEZ GULÍAS

OURENSE

DENDE O ORCELLÓN | O |

25 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO naufragou o Prestige, Galicia enteira tinguiuse de loito e negrura, pero ó cabo dun ano de suceder este accidente os gobernos da Xunta e de Madrid puxéronse mans á obra para arranxar ese cativo incidente. E para tapar aquel desatino inventáronlle nome ao progreso de Galicia e comezouse a falar do plan Galicia. Iso traería consigo moitas infraestructuras que estaban ancoradas nos despachos dos ministros, e así vendéronnos o AVE, e todos estabamos tan ledos, que endexamais poderíamos imaxinar o que ía acontecer, xa que coa nova infraestrutura tan necesaria tamén viñeron os desatinos: tellados furados, carballeiras capadas, cumes cortados, ladeiras espidas, xacementos castrexos tapados, pero o peor está por vir, xa que os nosos ríos adoecen de tanto progreso, cando comeza a chover treme a auga dos mil ríos, aquí ollando esta desfeita ao pé do Arenteiro, ou do Avia, ou do Viñao, ou do Miño, ou dun cento deles que non paran de chorar, e eu canto adoecido: adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos... guliasvv@hotmail.com