ANACOS | O |

28 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NON vai chegar o sangue ó río, máis que nada porque neste país nunca se asumen responsabilidades por parte dos que xestionan nin moito menos polos que os relevan, non vaia ser o demo que pasados os anos lle toque a eles. A única excepción nesa falta de ética e de principios debe ser o ex responsable do Hospital do Barco. A Pablo Deramond lle quedará para sempre a honra de ser o único político que optou pola dimisión cando viu que non se cumpría aquilo que foi o seu compromiso: mellorar a asistencia sanitaria ós seus concidadáns e a xestión do hospital comarcal. Moitos, antes e agora, na súa situación seguirían a mirar para outro lado con tal de disfrutar do ego superlativo do cargo institucional e da nómina oficial. Un caso ben diferente parece ser o de Freire Couto, que nin ten pensado dimitir nin llo van pedir no seu partido nin can que lle ladre. Aínda que iso é o de menos, o que realmente debería ser obxecto de moitas reflexións e moitos debates é o acontecido con Xestur nestes anos. Se o organismo chamado a liderar o teórico desenvolvemento da provincia facía proxectos para a Universidade e non os cobraba -como denunciou onte o portavoz do PP na Deputación- e o mesmo acontecía con traballos para os concellos e outros organismos, ou se proxectaba parques empresariais para satisfacer as ansias do político de turno -¿quen vai mercar chan industrial na Gudiña a 136 euros o metro cadrado?- pois non é precisamente para poñelo de exemplo como xestión modélica. Iso por non entrar no acontecido coas vivendas do Pereiro, que aínda agardamos que alguien teña a valentía e o compromiso de aclarar o que se agocha detras desa historia. Xestur, como as Xestures de toda Galicia, non foi ata o de agora un modelo válido para o que se agardaba desta sociedade. Agora haberá que saber cal vai ser o seu futuro.