Montederramo, con moito gusto

Jesús Manuel García OURENSE

OURENSE

A vila celebrou onte a Festa da Carne con cheo total de xente na carpa onde deron conta do menú tradicional A veterana cita gastronómica viuse apoiada pola feira local do mes

12 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

As potas fervían que daba gusto velas. Perto de novecentos quilos de carne de vaca fixeron as delicias dos mil cincocentos comensais que se xuntaron onte na Festa da Carne de Montederramo. Dúas carpas, a grande e a pequena, acolleron en dúas tandas á xente de todo o contorno que acudiu a esta chamada gastronómica. Cociñou a firma O Viadilla de Chantada. Manolo López, responsable, non paraba de controlar a circulación de comensais pola carpa: «Témoslles empanada, carne cocida, patacas, carne richada, bica de Vilariñofrío, viños da Ribeira Sacra e licor café. De carne richada temos sobre cincocentos quilos e de todo con abundancia. De viño, case unha botella por cabeza, que hoxe todo o mundo excede un pouco». Marroquinería Manolo é veterano nesta festa e pensa que vai a máis. O ano pasado houbo menos xente polo tempo, que non axudou. Os comensais comezaron a sentarse á mesa á unha da tarde. Aquelo era un repoñer viandas continuo. A mañá estaba fresca na vila de montaña, co sol agouchado de vez en cando. Na travesía, había ambiente porque a festa coincide coa feira mensual. Postos houbo dabondo. José Antonio González, de Ourense, vende marroquinería fina: «A xente merca especialmnete cintos e carteiras. As brochas de afeitar témolas pero non se venden moito porque hoxe a xente usa eses botes que hai. A brocha emprégana máis os vellos». Gorros, ferrameta, alfombras, roupa, prendas interiores, paraugas... A lista de obxectos á venda era ampla. Había un posto de doces e pan de millo. José Antonio Pereira veu da Estrada a endulzarlle a mañá á xente de Montederramo. Tiñas tartas e bicas propias daquela terra pontevedresa: «A nosa bica é diferente e o éxito témolo porque o doce gústalle a todos», dixo. Tamén tiña pan de millo que tanto lle chamou a atención a máis de un. «O noso forte é o pan de millo con pasas e un pan de ovo que tamén temos». Podíase mercar unha tarta feita con fariña de arroz. Un pouco máis aló estaba a señora Josefa Rodríguez, alaricana cun posto de zapatos longo e abundante: «Temos algo de todo. A venda vai regular e temos zapatos de traballo, de vestir, cousas dende vinte ata cincuenta euros, dependendo do modelo que sexa». Esta muller confirma que os clientes seguen a mercar zapatos nas feiras pero o que seica arrasa nas vendas é a zapatilla. Josefa vai cada mes a Montederramo e anda pola provincia enteira e por Lugo. Música A música era de charanga, coa Medina de Trives e a Troulada de Verín. Fartáronse de tocar e animar durante todo o día ata a noite. E veña pezas para enriba e pezas para abaixo. Percorreron a vila dunha punta á a outra. As probes mulleres rurais quedaron iste ano sen exposición de traballos manuais no local da asociación porque non fixeron cousas novas e claro, non era plan repetir o xa visto. Montederramo foi unha festa ben fermosa co seu tono gris do ceo e a pedra.