Meirás: unha vitoria de país cunha factura moral e económica inaceptable

José Juan Santos SECRETARIO GENERAL DE UNIDADE LOCAL

OPINIÓN

Acto institucional de apertura del Pazo de Meirás, en el 2021.
Acto institucional de apertura del Pazo de Meirás, en el 2021. VÍTOR MEJUTO

21 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A sentenza do Tribunal Supremo sobre o Pazo de Meirás supón o punto final a unha anomalía histórica que mancaba a dignidade de Galicia. Como galeguistas, celebramos que o alto tribunal ratifique o que o pobo sempre soubo: que a venda de 1941 foi unha ficción legal construída baixo o poder absoluto. Meirás nunca deixou de ser patrimonio público.

Porén, esta vitoria democrática chega cunha letra pequena que esixe unha protesta enerxética. O Supremo recoñece o dereito dos herdeiros de Franco a seren indemnizados por «gastos útiles» desde 1975, baseándose nunha suposta boa fe na súa posesión. Case un millón de euros, que saíran dos petos públicos. Esta resolución xera unha mestura de alivio e indignación. Alivio pola recuperación do inmoble; indignación por unha xustiza técnica que ignora a ética: pode haber boa fe en quen herda o froito dun espolio? Premiar a conservación do tellado de quen non era o seu dono é unha bofetada á memoria dos galegos extorsionados para sufragar aquela doazón.

Desta sentenza hai tres leccións:

1.- Unha xustiza a medias é inxustiza. Galicia non ten por que pagar o alugueiro inverso de décadas de ocupación ilexítima.

2.- Nin un euro galego para o espolio. Se o Estado amparou esta situación durante cincuenta anos, debe ser a Administración central quen asuma a factura. Non se debe detraer diñeiro da nosa sanidade ou infraestruturas para indemnizar á familia do ditador.

3.- Motor de futuro. Meirás debe ser un centro cultural vivo, como un instituto de estudos galegos que reivindique a Pardo Bazán, pero debe entrar no patrimonio público limpo de cargas e agravios.

Meirás volve a casa, pero cunha peaxe indigna. Galicia xa pagou abondas facturas no século XX como para que, en pleno século XXI, nos obriguen a mercalo de novo. O pazo xa é noso por dereito; fagamos que o sexa tamén por xustiza real.