Para previr o alzhéimer, cultura e café

Sonia Villapol
Sonia Villapol NEUROCIENTÍFICA NO TEXAS MEDICAL CENTER DE HOUSTON (ESTADOS UNIDOS)

OPINIÓN

María Pedreda

25 feb 2026 . Actualizado a las 15:01 h.

Hai unha pregunta que se repite unha e outra vez, en charlas, nas redes ou na intimidade das conversas familiares: que se pode facer para previr a demencia? A pregunta é lóxica, porque o medo a perder a memoria é, en realidade, o medo a perder a nosa identidade. E tamén é unha pregunta urxente, porque vivimos máis anos ca nunca e os casos de demencia case se triplicarán de aquí ao 2050. E isto é especialmente preocupante en Galicia, onde o envellecemento da poboación fai que o desafío sexa aínda maior. A boa nova é que a ciencia está a debuxar un mapa cada vez máis fiable para entender estas enfermidades: melloran os diagnósticos temperáns e tamén sabemos mellor que pode axudar na prevención: hábitos saudables, exercicio, bo descanso e estimulación intelectual. E tamén, cousas tan cotiás como encher a nosa vida de cultura ou tomar café.

Este mes saíron estudos que confirman algo que moita xente xa intúe: ao cerebro séntalle ben unha vida activa. Un dos traballos realizados na Universidade de Harvard analizou a relación entre o consumo habitual de café ou té e o risco de desenvolver demencia. Falamos de máis de 130.000 persoas seguidas ao longo de trinta e sete anos. Nestes estudos non se pode afirmar unha relación directa de causa-efecto, pero si se detectan patróns consistentes que, para quen investigamos estas enfermidades, merecen unha atención especial. Os datos apuntan a que un consumo moderado de café, entre dous e tres ao día, asociase cun menor risco de demencia fronte a pouco ou ningún consumo, e o té amosa unha tendencia semellante. Ademais, estas rutinas relaciónanse cun declive cognitivo máis lento ao longo do tempo.

Pero hai matices: o descafeinado non amosou un efecto claro, e o patrón repítese en homes e mulleres e independentemente do risco xenético. Aínda así, falamos de asociacións, non de causa directa. Pode haber factores de estilo de vida detrás, pode influír o contexto social, a saúde cardiovascular, o sono ou o nivel de actividade. Por iso, unha dose moderada de café ou té poden formar parte dun estilo de vida protector, sempre con sentido común e segundo a tolerancia de cada quen (sono, ansiedade, tensión, refluxo…).

Se o café é unha sinal prometedora, a cultura é o núcleo da prevención. Un estudo recente da Universidade de Rush, en Chicago, con case 2.000 persoas seguidas durante oito anos, suxire que unha vida chea de estímulos intelectuais se asocia con menos risco de alzhéimer e cunha aparición máis tardía dos síntomas: arredor dun 40 % menos risco tamén de deterioro cognitivo leve. Pero convén lembralo: é unha asociación, non un destino escrito. E que é, na práctica, «enriquecemento cognitivo»? Non vai de títulos, vai de constancia. Na infancia, que che lean, ler e ter curiosidade, mesmo medrar falando galego e castelán. Na idade adulta, seguir aprendendo: viaxar, visitar museos, escribir, explorar historia ou ciencia. E na vellez, non parar: libros, conversas con fondo e vida social que te manteña conectado.

E mentres falamos de hábitos, non podemos esquecer a investigación. Nos Estados Unidos, o investimento anual en alzhéimer e demencias rolda xa os 4.000 millóns de dólares, malia o ruído dos que venden pseudociencia. Hai sinais esperanzadoras: novos anticorpos, fármacos xa aprobados que se están a reutilizar, e terapias deseñadas para atacar a enfermidade desde a raíz.

Por iso, cando me preguntan que podemos facer para previr a demencia, sempre respondo o mesmo: calidade de vida e ciencia. Vida, porque o cerebro cóidase no día a día. Ciencia, porque sen investigación sostida non hai avances reais. Entre o café e os libros, entre o museo e o laboratorio, a mensaxe é clara: activar e coidar o cerebro. E iso pódese empezar canto antes.