DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

24 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando eu era cativo o tenis non era nin moito menos un deporte popular na miña vila, pero había un grupo de rapaces que tiñamos raqueta e non quedaba outra que improvisarmos normas e partidos en lugares que non tiñan nada de regulamentario. Con todo, chegada a adolescencia, vimos como dúas ou tres familias acomodadas se adiantaban ao concello para construíren cadansúa pista. Aqueles espazos convertéronse nunha tentación e, máis dunha vez, saltamos algún muro dentado de vidros para xogar nunha pista pioneira de terra batida. Lembro saír de alí suorento, enzoufado e con esa felicidade clandestina que deixa o risco a ser pillado polo dono, un banqueiro que daquela seica xogaba con éxito en veteranos. Agora, camiño dos sesenta, contra toda indicación sensata tanto de médicos coma da familia, sigo a xogar todas as semanas, mesmo aguantando a dor que me deixa a práctica no ombreiro e me esperta de noite cando dou a volta na cama.

Alguén verá isto coma un vicio innecesario, pero o certo é que me encanta o tenis. Para min é un deporte aditivo e sei que estou a piques de ter que o deixar polas lesións. Por iso, dende a miña humilde posición de afeccionado, entendo a cada volta máis as teimas de Nadal por seguir competindo, malia que agora, tras caer lesionado en Australia, di estar destruído mentalmente e espréitano as pantasmas da retirada. Sospeito que a estas alturas da súa carreira el non xoga nin por unha ambición desmesurada, nin para facer caixa nin sequera por medo a que alguén acade máis títulos ca el. El xoga porque lle gusta, igual ca min, só que cando o fai el facémolo todos. E, aínda que non esteamos de acordo coa persoa, si o estamos cun deportista exemplar que talvez se teña que retirar antes ca min.