Errar para aprender

Henrique Monteagudo MEMBRO DA REAL ACADEMIA GALEGA

OPINIÓN

18 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aprender unha lingua é basicamente unha cuestión de práctica. Os erros son utilísimos na aprendizaxe: se non falas, non te enganas, pero tampouco melloras. Se practicas, terás erros: esforzarse en superalos é o xeito de aprender. Isto vale para calquera lingua, pero o galego está nunha situación especial, por iso aprendelo pode resultar máis difícil, e equivocarse pode ter unhas connotacións máis amoladas. Sobre el pesan aínda moitos prexuízos, e ademais, o galego estándar (o que habitualmente se considera o correcto) carece da difusión imprescindible para que a xente se familiarice con el de xeito espontáneo. O castelán correcto apréndese por impregnación da televisión e da radio, da prensa... na escola estúdase, amplíase e mellórase. En troques, moitos galegos, sobre todo os máis novos, só teñen un contacto episódico co galego, ás veces unicamente nas aulas. Así que o aprenden —se é que o aprenden— case coma se fose o inglés. Sen unha presenza maior do galego no espazo público (sobre todo no audiovisual), seguirá sendo difícil aprendelo ben.

Algúns castelanfalantes teñen escrúpulos en falalo, porque din que se atrapallan. Eses escrúpulos aliméntanse da reacción dalgúns galegofalantes que os ridiculizan ou lles reprochan que o falan mal. Tanto unha actitude coma a outra son contraproducentes. A primeira, polo xa dito: sen práctica, non se aprende. A segunda, porque se a alguén lle custa falar no meu idioma, pero se esforza en facelo, o normal é que o anime, non que o desalente.

Castelanfalantes: sexades benvidos ao galego! Outra cousa moi distinta se aplica ás persoas que teñen que facer un uso profesional ou público do idioma nos medios de comunicación, no Parlamento, nas aulas... A estas persoas si que se lles debe esixir un manexo non só correcto, senón fluído e, aínda máis, exemplar; igualiño que se lles esixe a médicos, carpinteiros ou informáticos que se desempeñen correctamente e con soltura no exercicio das súas profesións.

É comprensible o desexo de dominar o idioma. Para iso cómpre escoitar con atención a linguaxe viva e fresca dos falantes enxebres (que non sempre son os máis cultos), e enchouparse do baril idioma, rico e frondoso, dos mellores escritores. Pero, para o uso diario, non fai falla ser un Pedrayo, abonda con practicar todos os días: unha parola, leria ou conversa, con erros e todo, vale mil leccións de libro.