Camus

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

web

13 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que ler a Albert Camus. Para min segue a ser un hábito feliz. Un costume que iniciei na adolescencia e que, por fortuna, aínda non abandonei. Era lúcido cando a lucidez parecía imposible: a Segunda Guerra Mundial disparou tamén contra a intelixencia e a liberdade. Esta semana Camus pareceume máis necesario ca nunca. Imprescindible. O pasado luns, La Voz titulaba unha noticia alarmante en primeira páxina: «Os suicidios repuntan en Galicia con case un caso ao día». Era unha información subministrada polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). O perfil do suicida galego é un home de entre 51 e 60 anos, aínda que a idade baixou ata os 13 anos e subiu ata os 97. Máis varóns que mulleres, o dobre. Máis en verán. No Nadal, menos. Os datos están por riba da media da Unión Europea e de España. Eu, con cicatrices, pensei en Camus. O mito de Sísifo é un dos seus ensaios. Brillante. Categórico. Das súas entrañas sae un proverbio terminante. Non hai máis que un problema filosófico verdadeiramente serio: o suicidio. Un esteta. Artista único. Atormentado no dilema entre o gozo e a morte. Escribiu, talvez, moitas das páxinas máis profundas da literatura contemporánea. Era un triste que non quería ser triste. A obsesión do suicidio perseguiuno sempre. Morreu nun accidente de tráfico. Conducía o seu editor e amigo Gallimard. Especulouse sobre a súa morte. Quedan os seus libros. Ler a Camus, aínda que pareza unha contradición, é percutir e alentar a vida. Co desexo de encontrarlle sentido. Quizá ese é o único motivo do suicido: o sentido. Hai que procuralo entre as sombras. Sempre hai un motivo para encontrarse coa beleza. Hai que ler a Albert Camus. Un hábito feliz.