Non arde o monte, arde o territorio

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Brais Lorenzo | EFE

16 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En Portosín hai un grupo de veciños que protestan pola situación dunha parada de autobús que lles colocaron diante. Penduraron unha pancarta para facer valer a súa reivindicación cun lema moi popular no país: «Será por sitio!». A propósito do que lemos estes días sobre os incendios do monte, o mesmo pode aplicarse ao asunto dos usos do territorio: será por sitio que nos sobra en Galicia para ter todo o que queiramos. Sobra territorio pero fáltanos xente.

Sobra territorio sen usar ou mal manexado e faltan persoas que o manexen. Non hai incompatibilidades de usos, hai terreos para pastos e para gando, para usos forestais, para usos agrarios, para producir enerxía eólica, para lecer e turismo e para todo en conxunto. Será por sitio! Hai un problema cando poñemos a competir os mesmos espazos para os mesmos usos. É por iso que algúns formulan conflitos de uso que en realidade non existen. Tamén hai un problema cando se pretende que todo o territorio teña os mesmos usos, como aconteceu no pasado co monocultivo forestal, do que seguimos sufrindo as consecuencias.

Absortos en mirar ao futuro sen saber que pasado nos sustenta, perdemos a sabedoría acumulada de manexo do territorio que conservan esas paisaxes campesiñas suízas ou francesas que tanto admiramos. Empeñados en planificar, ordenar e desenvolver, tres verbos propios de tecnócratas xubilados ou finados, desprezamos as capacidades de organización das aldeas e ignoramos as evidencias dun territorio historicamente moi ordenado.

As dúas ideas: aquí sobra sitio porque non hai xente e este era un territorio moi ordenado para usos específicos, son básicas para evitar que nos coma o lume. Explícase doado. Lémbrase moito ultimamente —non sei por que— que hai tres séculos Galicia era o territorio máis habitado da Península. Esquematicamente, iso tivo que ver coa capacidade para aproveitar ao máximo e da forma máis innovadora os recursos do territorio para producir máis gando e con el máis esterco e por iso máis alimentos en menos espazo, e con iso máis poboación. Ate hai pouco Galicia era un territorio sen bosques, o nome non existe nin como topónimo antigo. Os nomes dos lugares que quedan fóra das agras, as leiras, as chousas e as veigas labradas que rodean as aldeas, cóntannos os usos do espazo. Non hai máis que mirar un mapa e entendelo: teixeiro, freixeiro, piñeiro, uzal, folgueira, xesteira, bouza, xunqueira, piornedo, fraga, carballeira, souto, devesa. Son algúns dos topónimos desa grande parte do país galego que hoxe chamamos monte e que arde. Todo o territorio aproveitado e ordenado: tiña madeira ou pastos ou estrume, ou pedra nos pedrosos. O que sabemos dá para facer as cousas mellor do que as facemos. Evitar os grandes lumes que veñen empeza por mirar como as aldeas ordenamos os usos do territorio. Cómpre empezar por atrevermos a asumir o que sabemos e o que somos.