O nacionalismo vasco e o catalán teñen unha idea de España, mesmo varias diferentes segundo os partidos e as épocas. O galego, de tela, non parece que sexa moi definida, pero vai precisala se algún día quere ter unha posición parecida á das outras dúas nacionalidades litorais. É sabido que Castelao mesmo lle puxo nome á súa idea, chamoulle Hespaña, igual que outros falaron das Españas para remarcar a pluralidade, antes de que uns poucos exclusivistas eliminaran o plural e máis o h. O iberismo hispano-portugués tamén falara moito, antes de que as dúas ditaduras arrasaran a pluralidade de ideas.
Aos partidos cataláns e vascos coñéceselles a súa idea do Estado español que algúns mesmo non teñen problema en identificar con nome de España. Definida era a idea de Covergència i Unió, e concretada nunha práctica de relación e negociación dende a forza democrática que Cataluña representaba e da económica que exercía. Tamén é coñecida a do PNV, facendo valer sempre a forza do seu pequeno territorio, representado cun grupo parlamentario todas as lexislaturas. Antes desapareceron UCD, UPD, e antes finarán outros partidos nas vindeiras eleccións, que o grupo vasco no Congreso dos Deputados. Cataláns e vascos, dende os seus grupos no Congreso lograron intervir no sistema político español, negociar e afirmar unha posición nacional. Evidente no caso de CiU e non menos no dun PNV que foi quen de darlle o poder en minoría a Aznar e de quitarllo a Rajoy.
Na época da Declaración de Barcelona de 1998 o nacionalismo galego logrou situarse a carón de cataláns e vascos para debuxar una posición aínda máis forte da antiga Galeuska, pondo no horizonte o arelado grupo parlamentario que nunca aínda lograran os galegos. Aliábase daquela o nacionalismo galego cos partidos gobernantes nas outras dúas nacións históricas. Cambiaron moitas cousas nese cuarto de século. Unha delas a irrupción de ERC como partido republicano máis que nacionalista e de esquerdas aínda máis que independentista capaz, mesmo no intre máis complicado, de restablecer un diálogo político co Estado español e contribuír parlamentariamente a apoiar un Goberno central. Non menos sorpresa é a de Bildu, competindo co PNV en contribuír á gobernabilidade en España.
A posición do BNG verbo de España moveuse entre a indiferenza e a negación por moito que na práctica tamén xogara na política española, ás veces de forma pouco visible pola ausencia de grupo parlamentario. Os vascos demostran que o número non sempre é o máis importante, de feito seis deputados galegos de En Marea en 2015 non serviron para conformar un grupo parlamentario nin para definir unha liña política galega autónoma respecto do Estado, pese aos intentos. O asunto fica pendente.
Nunha década, o nacionalismo galego reunido no BNG pasou do Goberno á escisión e da confusión á recuperación; agora está na expectativa do éxito e traballando por el, pero segue pendente a súa posición respecto de España, imprescindible para mandar fóra e xa que logo para gobernar dentro.