Hai algo en Rafael Nadal que transcende o deporte para declinar en paradigma, moral e ético. Un arquetipo, en definitiva. Nunca, na historia máis recente, España estivo máis necesitada. Nadal é modelo a imitar. Porén, a sociedade elixiu outras direccións. Estes días fálase da lenda Nadal. Sitúano na cúspide do deporte. Todo son eloxios. Parten tamén, curiosamente, de círculos políticos. E eu boto as mans á cabeza. Dende os círculos políticos os valores de Nadal son pisoteados día tras día. O esforzo, o mérito, a entrega, o traballo constante, a honestidade, o respecto polos rivais son virtudes que Nadal posúe e das que carece a política española. Mesmo descubrimos o empeño político, dende o Goberno, de mudar o mérito e o esforzo pola frivolidade. A Lei de Educación aprobada recentemente é o seu espello. Importa o mesmo o alumno dilixente e laborioso que o gandulo e nugallán. Importa o mesmo aprobar que suspender. Non só iso, corre coma lebre polos recantos de España o empeño de converter a educación nunha actividade lúdica. Un desastre. O coñecemento require afán, ansia e sacrificio (acabo de nomear unha das moitas palabras prohibidas neste país politicamente correcto). Reitero, sacrificio. Acaso cren que Nadal chegou onde chegou sen sacrificar nada da súa vida? Cren que os opositores non se sacrifican para obter prazas de funcionario? Saben cantas horas dedicou, por poñer un exemplo, un notario á súa oposición? Aquí preferimos o paradigma Guardiola: «Salid al campo y divertíos». Por iso son necesarios os homes como Nadal, a quen tanto lle custou chegar ao cumio. Todo esforzo terá a súa recompensa. Aínda que algúns sigan insistindo en que esforzarse non paga a pena.