«Not made in Spain»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

STEVE MARCUS | Reuters

06 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Comeza un «ano de recuperación» trabada pola falta de chips, compoñentes electrónicos de alta integración. Desde que apareceron as primeiras cascudas (negras, pequeniñas e con moitas patas) non parou de medrar a súa demanda segundo se espallaba o procesamento dixital de todo, incluso fenómenos analóxicos. No inicio da carreira pola dixitalización a industria europea ía á cabeza, mais cos anos perdeuna.

Agora a Unión Europea dispón de centos de millóns de euros para atraer empresas americanas dispostas a evitaren a hexemonía absoluta da China no eido da electrónica do silicio (antes de que a ciencia abra portas a outra técnica de dixitalizar e procesar). E a Intel deu un primeiro paso coa mira en centros de investigación e fabricación. ¿En que países da UE? Alemaña, Francia e Italia. Porén, curiosamente, en España céntrase a aposta da Unión polo supercomputador que mesmo deseñe os chips necesarios para el mesmo medrar (o BSC de Barcelona: non todo vai estar en Madrid).

Algo falla no país do turismo masivo: formamos técnicos de alto nivel nas TIC pero non producimos nada imprescindible no mundo, coma os chips, cuxa carencia ten paradas as liñas de fabricación de coches. Simplemente exportamos cerebros, que agora han marchar a Alemaña, Francia e Italia coa morriña nas neuronas.