Ser comunista en Roma

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Marta Fernández Jara

11 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A guía de boa marxista non contempla que o sumo pontífice sexa un bo interlocutor para tratar os «retos comúns da humanidade», nin sequera se a dereita cavernaria, a piques de relacionar o Vaticano con ETA, decidiu que Francisco goza de bolxeviquismo abondo para considerar o encontro un «cumio comunista». Tampouco sei se Yolanda Díaz se pode acoller a algunha nota do manual do perfecto comunista, despois de ostentar o do PC coma o seu único carné. Estará cómoda cun señor que, tendo recoñecido que «xamais foi de dereitas», segue ostentando unha reliquia medieval por cargo sen ter sido máis que un progresista de slogan, con poucos feitos dos que botar man? A súa Igrexa segue nun secular pozo reaccionario, machista, clasista, e con moitas débedas éticas, en concreto, no relativo ás súas responsabilidades na España entre o 36 e o 78; e o día que a morea de cardeais elixa outro papa, ninguén lembrará que retos da humanidade resolveron nese encontro, mentres seguirán pendentes as cuestións concretas e españolas que Unidas-Podemos e o PC, nos seus programas, lle demandan á Igrexa.

Segundo o Vademécum do estado laico, debera ir outra. Pode que algún oso dos que a abrazan convencese a Díaz de que interesa á nova esquerda que tanto ilusiona tratar coa vella Igrexa que sempre decepciona. E tamén pode que sexa eu unha desas marxistas tan parvas coma Marx ao dicir aquilo do opio do pobo. Pero que á dereita non lle guste a foto de Yolanda con Francisco non significa que aceptemos polbo como animal de compañía. Haberá que desculpala: desde que converteron a casa onde viviu Gramsci nun hotel de luxo, é imposíbel ser comunista en Roma.