O lobo, case animal de compañía

Roberto García SECRETARIO XERAL DE UNIÓNS AGRARIAS

OPINIÓN

JOSE PARDO

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante os últimos meses as accións do lobo na comarca lucense da Mariña están a crear unha forte alarma social derivada do novo tipo de ataques que realiza en lugares como Ourol. En todos eles a característica común é unha atípica falta total de medo do lobo cara ao ser humano, chegando a matar gando e os cans das familias literalmente nos mesmos patios de xogo dos nenos, e nas mesmas portas das casas. Así, ao bloqueo que este tipo de fauna salvaxe supón para o desenvolvemento normal da gandería en extenso, especialmente da equina, a que está levando preto da súa extinción no curto prazo, súmase agora un risco para a seguridade das persoas. En Unións Agrarias pensamos que este comportamento do lobo achegándose aos lugares habitados está a pasar xa todas as liñas vermellas, e sitúanos na antesala de que ocorra unha desgraza cun neno ou unha persoa maior, máis pronto que tarde.

A verdade incómoda é que o lobo, como depredador capaz de matar animais de máis de 500 quilos, pode chegar a matar nenos, como está perfectamente documentado en Galicia ao longo do século XX, con máis de cinco casos entre 1938 e 1974. Aínda que é certo que o risco de que un lobo ibérico ataque a un ser humano é moi reducido, non é menos certo que os casos de ataques a nenos están perfectamente documentados, que se dan cando exemplares perden o medo e a distancia deste depredador co ser humano. En Ourol deberían de ter saltado xa todas as alarmas ante a reiteración de comportamentos de alto risco, dun ou varios exemplares, algo que debe de ser determinado a maior brevidade.

Urxe que os responsables da fauna salvaxe tomen de inmediato medidas, que entendemos que non poden ser outras que a erradicación deses exemplares ou mandas de lobos que estean a amosar estes comportamentos de alto risco. Medidas con fórmulas discretas e eficaces de caza feitas por expertos, que permitan eliminar estes exemplares concretos de alto risco, e recuperar a normalidade ás familias que viven nestas parroquias da Mariña. Non é de recibo seguir a ignorar o problema, esperando que se arranxe por si mesmo, sen tomar ningunha decisión nin executar ningunha acción intelixente. O lobo na Mariña ten que volver  ser o que foi sempre este animal en Galicia: un tesouro faunístico cun papel destacado no ecosistema do monte. Porén non debe ser un perigo para familias e nenos nas portas das súas casas. E iso esixe xestión e actuación concretas por parte dos responsables da Consellería de Medio Ambiente que teñen as competencias plenas en materia de fauna.