A idade ten moito que ver coa semántica da conversa, cos significados das palabras utilizadas, cos asuntos tratados. Hai unha semántica para cada tempo. Na infancia predominan os temas lúdicos. Na adolescencia atácanse flores e formas da libido. Na madurez, a semántica profesional. E cando remata a madurez e un albisca a senectude, o asunto principal son as enfermidades. Comprobeino onte. Non podo citar o nome dos presentes para non delatar as súas coitas. Un sufría da próstata, que na linguaxe usual denomínase «próspera». Outro padecía unha grave, segundo el, «hernia fiscal». Existían outras patoloxías que obvio para non demorarme. Falouse das pastillas da tensión, algo imprescindible nestas idades. Mesmo había un que tomaba varias clases de medicamentos contra a súa presión arterial irredutible. O colesterol, obviamente, non faltou á cita: constataron a inutilidade de camiñar todos os días contra os excesos lipídicos. O paseo abre o apetito, voraz. E comen e comen e así non hai maneira de baixalo. Todos incorporaron as voraces estatinas á súa dieta. Por ese carreiro correu a conversa ata que falamos da boca. É o meu único órgano que, ata o día de hoxe, non precisou unha atención especial. Amosei os dentes. Todos fixeron o mesmo. Un deles tamén sacou peito coa súa dentadura. E contounos o segredo: «Gasto un bo locutorio», iso dixo con exactitude. Un bo locutorio. Preguntamos que quería expresar o termo empregado e que relación podía ter coa boca. E dixo: «O segredo é enxaugar a boca dúas veces ao día cun locutorio de calidade, dos caros». Todos entendemos. E rimos. A idade ten moito que ver coas palabras: confusas. Locutorio ou colutorio, todo é o mesmo.