Alba de gloria

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de xullo de 1948, día grande de Galicia, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pronunciou no teatro Argentino da cidade de Buenos Aires o que sería o seu derradeiro gran discurso á nación galega, case que o seu discurso de despedida. Aínda que houbo algunha máis, a intervención no teatro porteño, diante dun amplísima representación de persoeiros e entidades galegas da emigración e o desterro, foi a máis intensa, a máis significativa e a que deixou máis fonda memoria, editada primeiro no periódico A Nosa Terra e logo, xa co título definitivo de «Alba de Gloria», por Eduardo Blanco Amor e Luis Seoane en 1951.

Cada 25 de xullo volvo ler o texto de Castelao, contextualizado aínda hai pouco por Henrique Monteagudo nunha fermosa edición para o Consello da Cultura Galega (2018), e recomendo volver a el por estas datas tanto a aqueles que detentan responsabilidades de poder e decisión (non só poder político) como ao común dos galegos e galegas, pois o país somos todos, moi especialmente esa enerxía luminosa de luciñas que, coma vagalumes, aparecen de entre as sombras contra o final do discurso, moitedume infinda de seres anónimos que xuntos, escribe Castelao, «compoñen o substractum insubornable da nosa Patria, animas sen nome que son as que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e os costumes, o feito diferencial de Galiza».

Nestes tempos de confusión e balbordo volver aos clásicos non é mala cousa. Castelao pronuncia o seu discurso en 1948, recentemente acabada a Guerra Mundial, mais en plena posguerra española, a posguerra máis dura, con centos de miles de desterrados en América e en Europa, ademais do exilio interior, e non obstante o seu discurso non é un discurso revanchista, tampouco un muro de lamentacións, nin sequera axuste de contas pendentes, habendo tantas razóns para facelo, senón un canto á esperanza, incluída a fogarada pontevedresa que xorde con forza da tumba de Alexandre Bóveda, «estrela e bandeira do noso porvir». Co sacrificio de uns e o traballo de todos, a ollada do rianxeiro non mira cara atrás, senón cara ao futuro.

Non é a crónica da derrota, senón un canto de esperanza. Na Estadea que desfila diante dos presentes, parecen todos, e esta é outra parte do discurso a ter en conta. En primeiro lugar Prisciliano, «o heresiarca decapitado», mais canda el vultos de moi distinta condición, dende o emperador Teodosio e San Pedro de Mezonzo aos xograres medievais, o arcebispo Xelmírez, Alfonso VII o Emperador, os Fonseca, os condes de Lemos e de Monterrei, os arquitectos Andrade e Casas Novoa, o Padre Sarmiento, o Padre Feixoo, os grandes da lingua do XIX (Pastor Díaz, Rosalía de Castro, Curros, Pondal, Lamas Carvajal), os historiadores Vicetto e Murguía, e Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, «o gran don Ramón (Valle-Incán), aínda non ben descarnado», que cerra e comitiva. E os mártires da guerra civil, encabezados pola figura de Bóveda. Unha representación aberta da nación que ben podería ilustrar aquel outro debuxo seu: «hai sitio para todos». Ou debe habelo.