Laxeiro (1908-1996)

Manuel Quintana Martelo ESCRITOR E PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES NUESTRA SEÑORA DEL ROSARIO

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Andaba eu, naquel entón, cando coñecín a Laxeiro, aínda cos estudos de Belas Artes na Escola Superior de Sant Jordi de Barcelona. Era o verán de 1971 e un grupo de artistas, novos e algúns menos novos, amosabamos os nosos traballos na Praza da Princesa de Vigo na mostra Arte Actual Galega. Laxeiro chegara había un ano de Bos Aires onde desenvolvera unha parte moi importante da súa obra deixando para os novos tempos traballos dos mais memorables, eses que algúns definen como «o Laxeiro maxistral». Para min foi un grande acontecemento porque non só coñecín un dos máis senlleiros representantes da historia da pintura galega, un dos coñecidos como «os renovadores», senon, pola calidade humana e a súa solidariedade sempre en apoio, e camaradería, coa xente nova.

Laxeiro era de oratoria doada e un gran fabulador. Tiven a sorte de compartir con el e un pequeno grupiño de amigos e amigas, unha noite incomparable: unhas cuncas de viño, risas, escoitar os seu relatos, descubrir o «marquesado da Romea» e todas as anécdotas que saían daquel home, centro absoluto de atención, mais aínda, tendo no coro de ouvintes rapazas encantadas coa súa palabra. Tíñanos a todos atentos e gozando das súas cousas nunha velada que se fixo curta pasando as horas sen apenas darnos conta: era Laxeiro en estado puro, o Laxeiro cativador.

Para un «rapaz» que comezaba a súa andaina na arte, ter diante a figura de Laxeiro foi un momento inesquecible e o nacemento dunha admiración que xa non deixaría lugar ao esquecemento. Laxeiro era áxil, locuaz, divertido, afable e pícaro, e podíase sentir, na súa presenza, que nunca abandonara aquel neno que un día saíu de Lalín, que un día comezou a debuxar e pintar deixando unha pegada imborrable para a historia na arte galega. Un pintor, un debuxante, un iluminador de ideas, un contador de historias, que fan del, para min, o artista mais peculiar e brillante da arte galega do século XX.

O meu segundo encontro subliñable con Laxeiro foi un pico de anos máis tarde, aló polo ano 1987 cando en compañía de Manolo Allué, entón director da Galería Trinta, viaxamos a Madrid para convencelo de facer unha mostra na galería de arte santiaguesa. Foi no Café Gijón e no seu estudo na mesma zona, que falamos e falamos, mellor escoitamos, porque con Laxeiro era imposible non escoitar. Xurdían ideas, maneiras, suxestións «laxeirianas» e aos poucos todo foi tomando forma entre nós e a mente ensoñadora do pintor a mostra que posteriormente ía facer. «Podía pintala na mostra, alí mesmo, na galería», «Fantástico, sería unha idea xenial», «Bueno, iso ía levar un tempo…», «Si, pero ti fai o que queiras, todo estará ben»…; «Mirade este cadro Qué vos parece?», «Fermoso,… Ou podía pintar un cadro na galería», «Iso estaría moi ben, ti fai o que queiras, facilitámosche todo», «Poderiades prepararme unha tea e pinturas?», «Sen problema, prepárocha eu mesmo Cómo queres a tea e as pinturas?», «Quero unha tea que “ande” ben», «Preparareina, non te preocupes».

Pintou un cadro o día da inauguración da mostra coa sala ateigada de xente entre mercadores, admiradores, curiosos, as televisións, a prensa, os reporteiros gráficos, sendo o resultado todo un feliz éxito. Nin que dicir ten que a pintura vendeuse cando Laxeiro a estaba a pintar, apenas unha hora de ver percorrer o seu trazo áxil e as liñas e as cores xurdir como por arte de maxia: unha pintura, un cadro, hoxe está en mans dun bo amante da arte que ten, sen dúbida, toda unha xoia na súa casa e probablemente a pintura mais documentada de Laxeiro con todo o proceso creativo «en vivo».

«Oes que ben “andaba” a tea! -díxome cando rematou- Tesme que dicir como a preparaches”. Expliqueillo pero temo que nunca tomou nota, non o necesitaba.

Rematada a festa artística, fixemos unha cea-homenaxe no Hostal dos Reis Católicos e cando tocou a rolda das palabras e parabéns, pedíndolle os asistentes a palabra, Laxeiro ofreceunos un emotivo e divertido discurso: «Eu falo, pero en eslovaco».

Sei que me perde a empatía coa figura de Laxeiro, coa súa capacidade creativa, coa súa xenerosidade, «gústache este debuxo?... queda con el». Unha persoa disposta a axudar e empuxar á xente nova, cunha retranca tan xenial como xenerosa: a min deixoume encantado desde o primeiro día como se tivera na súa man unha variña máxica, que, estou ben seguro, sempre a tiña. Aprendín del moitas cousas, as que nunca dixo, como aquelas que si dixo, e iso é algo realmente difícil porque a través da súa mirada, dos seus ollos de «pícaro», Laxeiro deixou impresa na miña mente unha páxina que conservarei mentres viva.

Laxeiro, sempre Laxeiro. Hoxe sinto un orgullo persoal moi grande sendo presidente da Real Academia Galega de Belas Artes e poder ter a satisfacción de que a nosa institución o teña nomeado para a súa homenaxe, dedicándolle o Día das Artes Galegas do ano 2022.