Os que odian

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

MURAT BAYKARAZUMA PRESSCON

24 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que odian, odian de verdade. Tanto odian, que gastan e gastan para que o seu odio chegue a todas partes, para que máis xente odie. Gústanos dicir que o que move o mundo é o amor. Pero ás veces non. Ás veces é o odio. Sobre todo se falamos de odio ao diferente, ás mulleres e os seus dereitos, ou aos colectivos LGTBi. E non esaxero. O dato é dun informe do Parlamento Europeo coñecido esta semana e que di que durante os anos 2009 a 2018, nos Estados Unidos, Rusia e Europa, distintos colectivos gastáronse 707,2 millóns de dólares en campañas que buscan acabar coas leis en favor dos dereitos sexuais e reprodutivos. Unha barbaridade de cartos para promover a opinión, financiar grupos políticos e insistir na idea de que se naces neno ou nena aguántaste, ou se queres exercer o dereito ao aborto, pois nada de nada. Lean ben a cantidade de novo. Con iso comían varios países africanos un ano enteiro polo menos. Ese odio, segundo recolle o informe, multiplicouse por catro dende 2009. Os berros antixénero, pois, cada vez son máis fortes. Ornean, pois.

Entre nós, o grupo ultradereitista Hazte Oír, eses que saíron cun autobús do odio vergoñento polas rúas de España hai un tempo, son un dos grupos que ocupan os postos principais (outro informe, de OpenDemocracy, explica o vencello entre o seu presidente e Vox, para quen estaría recadando fondos). Hai que recoñecer que, como odiadores, son uns odiadores fracasados, porque España, para exemplo do mundo, vaise dotando ano tras ano con leis máis progresistas e civilizadas e humanas e lóxicas para permitir que cada quen poida vivir e sentir en liberdade.

Pero están aí, tanto, tanto están aí, que ao día seguinte de tomar posesión Ayuso xa informou de que, como lle pedía Vox, ía eliminar algúns artigos da Lei de Xénero da Comunidade de Madrid. Ao odio e os seus votos hai que pagarlles o que se lles debe, que para iso gastan tanto. E, igual que en Madrid e como recolle o informe, tanto investimento comeza a dar froitos. En Polonia dende o ano pasado xa non é posible que as mulleres aborten con seguridade (nin en caso de embarazo por violación), e noutros países de Europa Central xa se derrogou o matrimonio igualitario. O caso peor (que espera a UE para sancionar?) é Hungría, onde se equipara legalmente a homosexualidade á pederastia e se considera «pornografía» calquera libro que teña un personaxe gay. En Rusia, en fin…

Case que todo o diñeiro vén dos Estados Unidos e de fundacións privadas europeas cuxo único sentido da existencia é ese, o odio a quen sae do que eles e elas consideran a norma. O informe explica ben as relacións entre eses grupos e outros de corte fascista. O que non nos provoca ningunha clase de sorpresa. Canto custa o odio e, sobre todo, canto nos custa a nós. Aos demócratas que só queremos un mundo en igualdade, tolerancia e convivencia.