O centenario de Pardo Bazán

Xulia Santiso FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Estatua de Emilia Pardo Bazán en los jardines de Méndez Núñez
Estatua de Emilia Pardo Bazán en los jardines de Méndez Núñez ANGEL MANSO

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Falamos dunha prolífica intelectual: 36 novelas, 21 novelas curtas, 18 ensaios, oito libros de viaxes, sete obras de teatro, catro biografías, 1.500 artigos de prensa, preto de 700 contos e un poemario. Xestora cultural, aristócrata -non burguesa-, cultivadora de variados estilos literarios -posromanticismo, realismo, naturalismo-, introdutora do espiritualismo ruso en España, modernista, simbolista (lista chámanlle as De Vacas na súa canción), escritora de case todos os xéneros e subxéneros -tamén foi a primeira en escribir textos de misterio e góticos, e de cociña-. 

Esta literata (fea e gorda, Menéndez Pelayo dixit), autodidacta, segura de si mesma, opinou sobre o que lle petou, do xeito que lle petou. E tamén foi a primeira muller catedrática de universidade, e a primeira conselleira do Ministerio de Instrución Pública, e viaxeira, e separada, e nai. E muller. E feminista. Non só feminista, senón tamén feminista, porque o feminismo é unha pel, é unha maneira de ver o mundo. Sabémolo, non?

Queda claro despois desta presentación que Emilia Pardo Bazán (EPB) posúe unha enorme capacidade de traballo, derivado dunha curiosidade inextinguible, e que dá lugar a unha molesta intención pública. Pola súa enorme actividade, non só gráfica, non só literaria, semella que queira estar en todos os foros. Claramente un exceso de ego. Debería ser máis humilde, non?

Amor a Galicia? É preciso falar diso? Díxome unha vez María Xosé Queizán que a xente non lía a Pardo Bazán. Leron Los Pazos de Ulloa? Poden nomear algunha novela deste calibre no noso país nesa data? 1886. Máis da metade da súa produción vai sobre esta terra!

«No necesito añadir si ustedes, señores académicos, recuerdan la labor literaria a la que he consagrado mi vida, cómo puede notarse en ella el cariño persistente a la región en que he nacido». Este texto, de 1906, é de cando foi nomeada presidenta honoraria da RAG, por méritos relacionados co seu exercicio da presidencia do Folk-lore Gallego. Esa relación é a que anos despois produciu a doazón da vivenda familiar de Emilia para a súa sede. (E a RAG adapta a súa casa).

Hai un foco iluminando este personaxe durante un ano. Existe a oportunidade de mirala aos ollos, cuestionando a mirada patriarcal, sacarlle a cor sepia, e clasista, de enriba, e darlle o espazo que merece. No tema feminista, tanto nos escritos literarios como nos de opinión, Pardo Bazán debería merecer a mesma consideración ca outras grandes pensadoras coma Virginia Woolf e Simone de Beauvoir, sobre todo, porque obriga a reflexionar á sociedade sobre os mesmos temas 40 e 50 anos antes.

Quizais a grande batalla que tivo que loitar EPB, á marxe das súas sobresaíntes capacidades -ou forzada por elas-, foi a construción da súa propia identidade, única e insólita. Con ela comeza unha nova época para moitas mulleres.

Dona Emilia permitiuse alimentar esa xenialidade que todas as persoas levamos dentro, deulle espazo e quedou soa. Traballou e converteuse nin máis nin menos que en Emilia Pardo Bazán. É suficiente?