Da reconversión á «transición xusta»

Fermín Paz Lamigueiro DECOTÍO

OPINIÓN

JOSE PARDO

Enel-Endesa manifestou a súa intención de pechar a central térmica das Pontes. O anuncio de tal decisión fíxose con nocturnidade e adrede, deixando o pobo no seu conxunto ferido de morte. A empresa trata de impoñer o seu paradigma: o negocio rematou, ímonos. Noutros tempos, a procesos como este e outros, chamábanlle reconversión industrial, mais como o termo «reconversión» foi unha desfeita a camuflaxe da linguaxe impuxo o termo de «transición xusta», que non é máis que un eufemismo. Trátase dunha ironía sobre o desmantelamento dalgunhas industrias no século XXI, e un derrubo programado dos territorios que tantas e grandes oportunidades deron aos procesos produtivos.

Os poderes engaden sempre unha apostila cando falan da descarbonización: «o cambio no mix de xeración eléctrica precisa dunha transición xusta». Mesmo na Unión Europea coinciden con esta perspectiva e veñen de facer unha primeira dotación económica para este apartado.

Supoño que estaremos de acordo en que o termo transición, cando leva o cualificativo «xusto», precisa de tres características: un tempo para facelo (discutible na súa amplitude), un ámbito xeográfico de afectados (que vai mais aló do marco das empresas principais) e un obxectivo de novo modelo produtivo. Non é críbel chamar transición xusta a un peche. Iso é mentir. O conto que contan é un vello conto.

O único que pretende a empresa é manter o dereito á evacuación de enerxía eléctrica a outros territorios dos 1400 Mw (que é a potencia instalada que teñen agora na térmica) para inzar, aínda máis, todos os montes do territorio galego de aeroxeneradores en novas concesións da Xunta, defenden ese dereito para manter a concesión ao igual que fan cos encoros.

O dereito á evacuación merece unha pequena explicación. A primeira consideración é que non ten un prezo definido xa que é fixado nun mercado especulativo que antes da pandemia ía dos 200.000 euros aos 300.000 euros por megavatio e que no caso das Pontes podería representar de 300 a 420 millóns de euros. A súa concesión depende da Administración do Estado español aínda que os plans que anunciou Endesa foron partindo da base de que toda a capacidade de evacuación fose súa, os 1.400 MW que ten nas Pontes.

Hai razóns para pensar que a decisión estaba tomada en Enel-Endesa e as novas probas da mestura de carbón con biomasa non foron máis que unha cortina de fume. Na xunta de accionistas de Enel, celebrada no ano pasado, foi tratada a cuestión do carbón. O IIDMA preguntou sobre os plans da enerxética arredor das centrais térmicas. A resposta concreta foi: o peche da central está previsto para xuño do 2021 e no referente á combustión dunha mestura con biomasa dixeron aínda máis, «non parece posible técnica nin economicamente». Quizás a explicación da decisión de pechar é mais sinxela.

Só falta que logo de baleirala de activos, roubarnos aos traballadores, pechar os centros produtivos e aínda sen facer ningún investimento dos comprometidos, consintan desde as institucións galegas e nacionais unha nova operación aos italianos.