Crise económica, pandemia e centolas


O admirado Siro López escribiu que deixou de crer no marxismo o día que comeu unha centola co seu amigo Xesús Alonso Montero. Eu nunca cheguei a crer no marxismo, pero porque tomei moitos cafés co meu mestre compostelán Carlos Otero. A tese de Carlos Otero, que explicaba tanto na linguaxe académica (A influencia da economía no dereito, 1966) como nas súas conversas de café, era ben sinxela: os procesos sociais son complexos, e polo tanto unhas veces é un fenómeno de natureza económica o que condiciona ás institucións políticas e xurídicas (simplificando, a superestrutura marxista); pero tamén as institucións políticas e xurídicas, moitas veces froito da interacción social ao longo do tempo, xeran resultados económicos diversos, en canto marcos diferentes de procura dos intereses individuais e colectivos. Os problemas económicos non adoitan nin xurdir nin arranxarse de xeito determinista, senón que son o resultado da interrelación entre diferentes esferas das relacións sociais.

 Fálase moito, nestes tempos de crise económica xerada pola pandemia, da relación entre a saúde e a economía. Habitualmente para negar a existencia da dicotomía entre ambas, e reforzar a idea de que sen saúde non funciona a economía. Unha especie de novo determinismo polo que a mellora da saúde é a condición necesaria para a recuperación do benestar económico e social. Pero necesaria non significa suficiente.

A saída da crise económica xerada pola pandemia non só depende da resposta sanitaria, senón tamén da capacidade de dar resposta económica, a través de recursos públicos, á inxente demanda de apoio que os sectores afectados precisan. E resulta evidente, atendendo aos datos xa dispoñibles, que a maior caída da economía española (a segunda maior do mundo, tras a de Arxentina) non só ten que ver coa incidencia da pandemia. Nin sequera, aínda que tamén, co maior peso de sectores como o turismo na produción total de España. Algo terá que ver a capacidade de respostar con cartos desde o Estado.

España ten adicado o equivalente ao 3,6 % do seu PIB a axudas directas pola pandemia. O esforzo público da media dos países avanzados é próximo ao 10 %, segundo o FMI: Alemaña, o 14 %; o Reino Unido, o 9,2 %; e Francia o 6,2 %. Podían facelo, porque tiñan marxe dado o saneamento das súas contas tras a crise do 2008; e canto máis equilibradas estaban as súas contas, máis marxe de actuación tiveron. Ata Italia, cun gasto do 5,1 %. España, como dixo recentemente o propio Joaquín Almunia, tería «máis fortaleza e credibilidade» se presentase unhas contas máis saneadas no 2019, ano no que houbo un importante desvío á alza no déficit pactado coa Unión Europea. España podería ter gastado máis en axudas directas de ter cumprido cun pouco máis de rigor a senda de estabilidade marcada polas austeras autoridades socialdemócratas e democratacristiáns europeas, das que agora depende en exclusiva a capacidade de gasto extra de España.

Non sairemos máis fortes desta crise. Sairemos máis tarde e peor que os países da nosa contorna. Non só polo impacto da pandemia. Tamén porque somos o país europeo con menor capacidade de resposta fronte a crise; e precisamente polo contrario do que defende o actual Goberno de España: pola ausencia de axustes (no ingreso, no gasto), que no 2019 nin sequera se intentaron. Urxe que alguén organice unha boa centolada, ou cando menos un par de cafés, por exemplo e sen ir máis lonxe, entre Sánchez e Almunia. Nada coma unha centola nesta época do ano para flexibilizar, con algo de pragmatismo, as máis fondas convicións ideolóxicas.

Por pedro puy Portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Crise económica, pandemia e centolas