Internet e web

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

01 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Net quere dicir rede en inglés; e web, tea de araña, arañeira. Bismarck mostrou grande visión cando, na fin do século XIX, salientaba a importancia de que o inglés fose o idioma oficial dos Estados Unidos (séndoo, tamén, do Imperio Británico). O desenvolvemento técnico-científico dos EE.UU. fixo parecer que todo se inventa en lingua ianqui. Tal é o caso da Internet e da World Wide Web.

Xa é triste que os latinofalantes non sexamos capaces de inventar palabras alternativas ás inglesas, explicatorias para nós. Ora, tristísimo, que, por falta de comprensión do inglés, as usemos indebidamente. Se á Internet lle chamásemos «Interrede» estariamos a pensar nun sistema físico de transmisión formado por redes de comunicación, por onde circulan sinais. Se á Web lle chamásemos «Arañeira» logo imaxinariamos algo máis sutil, inmaterial, suxerido pola finura dos fíos que tecen as arañas.

Escoitamos decote frases coma «iso atopeino na Internet» ou «iso está na web da empresa”». Na Internet -rede de redes- soamente os técnicos atopan algo: sinais eléctricos ou ópticos. Ao usuario cómprelle navegar pola arañeira á procura da información nos seus nós, os espazos virtuais (sites) onde se acha. Ningunha empresa ou entidade ten unha web: accede á Web Global e nela móstrase. Falemos con xeito.