Augas Santas, aquí viviu unha mártir

Rebeca Blanco-Rotea FIRMA INVITADA

OPINIÓN

María Pedreda

16 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira vez que escoitei o termo patrimonio era nova e asocieino directamente coas posesións que ten alguén. Co tempo o seu significado enriqueceuse, ao entender que hai varios patrimonios que teñen que ver coa cultura, a herdanza e a identidade, aspectos mesturados no concepto que manexamos de patrimonio: o que herdamos do pasado, que nos identifica como pobo e como cultura e que debemos coidar, acrecentar e transmitir. Nos últimos anos, asistimos a un cambio de paradigma, patrimonio xa non só é o que as institucións encargadas da súa salvagarda deciden que o sexa, cada vez máis a sociedade ten algo que dicir neste proceso, ou debería. A riqueza patrimonial de Galicia é inmensa, somos un pobo cheo de herdanzas diversas, apenas podemos focalizar a nosa atención nun único elemento, e temos varios declarados Patrimonio Mundial pola Unesco, casco histórico de Santiago e catedral, Camiño de Santiago, muralla romana de Lugo e Torre de Hércules na Coruña. Imos camiño dun quinto, a Ribeira Sacra. Mais algúns patrimonios máis modestos teñen tanta forza que materializan a construción da nosa identidade.

Na parroquia de Augas Santas, en Allariz, a veciñanza levou o martirio de Santa Mariña á Procesión dos Pendóns, que se celebra en maio. Os homes portan a Santa e os pendóns dende a igrexa ata Os Fornos, logo soben ao Outeiro dos Pendóns, no Castro de Armea, onde os dispoñen e bendicen os campos. A procesión acompáñase da representación do martirio de Mariña, orfa de nai e criada no cristianismo, na que a veciñanza nos traslada á época romana. O gobernador romano Olibrio pediulle matrimonio, mais Mariña rexeitouno. Por despeito, péchaa nos Fornos e tortúraa, de onde a rescata San Pedro. Finalmente decapítana e a súa cabeza dá tres botes, de onde brotan tres fontes. Toda a parroquia conserva elementos naturais e artificiais asociados á lenda: a pedra onde fiaba, onde foi apresada con cadeas (petróglifo da Vacariza), onde foi queimada (Os Fornos), onde a remollou San Pedro (As Pioucas), o sepulcro, as fontes. Unha paisaxe que mestura elementos arqueolóxicos e arquitectónicos co imaxinario colectivo, e que ilustra o proceso de transformación dun territorio na tardoantigüidade con intervencións en épocas posteriores, cando o episodio foi recollido pola literatura culta e asumido e conservado pola poboación local. Santa Mariña de Augas Santas mostra unha construción identitaria a partir de elementos materiais e inmateriais. Un lugar que é á vez moitos e un só patrimonio. Unha realidade que vai máis aló dos Patrimonios Mundiais.