Raias

OPINIÓN

RAFAEL MARCHANTE

22 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Apañar máscaras nos supermercados portugueses porque son moito máis baratas que aquí lémbrame que as fronteiras seguen a existir entre os dous países. Certo que nacer nas raias ten o seu punto de inconsistencia, sobre todo para algunhas vilas como as de Bolechow, onde, tal como nos di Daniel Mendelsohn na novela Los Hundidos, a xente podía nacer en Austria, ir á escola en Polonia, casar en Alemaña, ter fillos na Unión Soviética e morrer en Ucraína. E todo sen saír da súa vila. Pero esa mobilidade das fronteiras é unha cuestión física e azarosa que nada ten que ver coas verdadeiras fronteiras actuais que adoitaban ser exclusivamente económicas.

Os meus avós maternos eran da raia, do antigo Couto Mixto, e para eles a fronteira tiña un sentido brando, maleable, porque, malia as prohibicións, coñecían ben o territorio polo que se moveren para contrabandear. Máis dunha vez, a avoa contoume os seus itinerarios nocturnos e a miña mente cruzaba con ela a veiga, a ponte do Salas, a serra até chegar, da outra banda, a unha tenda de Tourem, onde carretaba todo o preciso: postas de bacallau, cuartillas de aceite, xabón, azucre e teas que despois enrodelaba no corpo para parecer unha muller moito máis cumprida e non ser descuberta á volta pola Garda Civil. A primeira televisión en cor que tivemos en casa tamén cruzou a fronteira a lombos dun coitado que se conformaba cunha mísera propina, e boa parte da miña infancia está apegada a aquelas incursións familiares no país veciño para mercarmos toallas e outros xéneros que alí eran moito máis económicos. Por iso, cando viaxo por Europa e vexo o escaso poder adquisitivo da nosa moeda, sempre lembro que queda Portugal a un paso para me sentir un nada máis rico.