Telerrastrexar o virus

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

VINCENT JANNINK | Efe

22 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmela Troncoso é viguesa, enxeñeira de Telecomunicación e profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana. Dirixe o grupo creador do protocolo telemático de varias aplicacións para rastrexo dos infectados de coronavirus cos móbiles, coma a adoptada polo Goberno español. Hai pouco concedía a Mujer hoy unha entrevista na que explicaba como funciona o sistema, sempre salvagardando a intimidade dos portadores dos teléfonos: a idea básica é que se poida saber quen estivo preto dabondo de quen estaba infectado sen que se deduza onde se atoparon.

Iso implica unha complexidade lóxica notoria e unha grande confianza no funcionamento dos teléfonos: os seus procesadores executan as aplicacións e o seus transceptores de protocolo Bluetooth permiten o emparellamento móbil-móbil por proximidade dos usuarios, pois as microrredes dese protocolo teñen alcances pequenos. Nunca na historia da humanidade se dera a posibilidade de que alguén que confirme ter unha doenza poida pasar aviso de tela e que un sistema transmita a alarma a quen se encontrara co enfermo.

Unha marabilla tecnolóxica. E esclarecedora a conclusión da profesora experta en privacidade nas telecomunicacións: «O importante é ter boas infraestruturas». Certo: sen redes fiables, os datos non poden circular eficazmente.