Na recente crise da covid-19 a sociedade tivo oportunidade de se decatar do impacto da ciencia e a tecnoloxía no seu benestar e desenvolvemento. Moi poucas veces na nosa historia se prestou tanta atención a temas científicos, incluíndo as características dos virus, a importancia e desenvolvemento das vacinas, a utilidade de modelos matemáticos preditivos na evolución da pandemia, a aplicación da Polymerase Chain Reaction (a popular PCR) para a identificación de material xenético ou mesmo ás bases dos sistemas de seguimento persoal mediante aplicacións telemáticas. Conceptos e metodoloxías biolóxicas, químicas, xenéticas, matemáticas, informáticas e das enxeñarías necesarias para analizar e combater a pandemia que hoxe resultan familiares.
A entrada de Galicia no mundo científico é moi recente. Hai poucas décadas, tanto Galicia como o conxunto de España estaban moi afastadas das liñas internacionais e, salvo moi contadas excepcións, sen relevancia. A partir da década dos oitenta comeza un proceso que, en paralelo co desenvolvemento económico, reforza as estruturas e a formación científica que se acelera coa entrada de España na Comunidade Económica Europea. Indubidablemente, o salto cuali e cuantitativo foi espectacular, propiciado por novos sistema de financiamento e polo entusiasmo dos científicos que, por fin, víanse máis próximos ós seus colegas de países desenvolvidos. Resulta relativamente fácil avanzar cando o punto de partida é moi baixo. Porén, o complexo é manter unha dinámica que permita atinxir o nivel desexable.
Hai uns meses a RAGC fixo público un estudo onde se constata que o sistema de ciencia e tecnoloxía galego medra a unha velocidade sensiblemente menor á dos países da nosa contorna, o que produce finalmente unha progresiva diverxencia coas sociedades máis dinámicas. A situación é preocupante. Para analizar causas e propoñer solucións, celebrouse unha xornada, con máis de 60 investigadores das tres universidades e do CSIC, incluíndo os tres vicerreitores de investigación e representantes de case que tódolos centros singulares de investigación de Galicia e das agrupacións estratéxicas. Foi unha xornada con autocrítica, analizándose factores endóxenos e exóxenos, pero moi en positivo, asumindo responsabilidades na que se elaborou un documento con recomendacións tanto ás autoridades académicas como á Administración.
As datas anteriores á celebración dunha consulta electoral son moi importantes. É tempo de análise da situación e momento de propoñer accións concretas que cómpre adoptar para dar mellores solucións ós problemas detectados. Unha revisión detallada dos programas electorais dos principais partidos políticos de Galicia permítenos ser moderadamente optimistas pois, con maior ou menor intensidade, todos eles identifican as feblezas do sistema e propoñen respostas aliñadas coas nosas propostas. Así, cabe salientar a unanimidade sobre a necesidade de fortalecemento do capital intelectual, mediante programas de atracción ou retención de investigadores estables en convocatorias internacionais con criterios exixentes, para reforzar áreas activas ou para dinamizar áreas estratéxicas con nivel actual insuficiente. Neste marco, proponse a regulación da carreira investigadora en Galicia, unha ferramenta que consideramos imprescindible. Concórdase, asemade, na necesidade de incrementar recursos orientados á investigación e a innovación e, nalgúns casos, concrétase en medidas similares ás suxeridas polos investigadores, como a de reforzar e ampliar a rede de centros de investigación e dotar de programas de financiamento basal de grupos de investigación. Tamén, en varias das propostas se subliña o interese de crear estruturas responsables da política científica da Xunta de Galicia, o que amosaría un compromiso forte do país coa investigación e a innovación, idea tamén en liña coas suxestións dos investigadores. Faltarían por atender algunhas demandas como a creación dun plan de difusión da ciencia, ó través do territorio, cun programa ambicioso, do estilo do desenvolvido en Portugal no programa Ciência viva, para concienciar á Sociedade sobre a importancia da ciencia.
Pero, sobre todo, obsérvase que comeza a callar nas organizacións políticas a idea que o desenvolvemento e mantemento dunha rede científica sólida é froito dunha carreira de fondo, con baixa rendibilidade inmediata... pero con altísima a medio e longo prazo. E resulta gratificante observar que en varias das propostas, inclúese o I+D+i nun apartado orientado ó desenvolvemento dunha nova economía baseada no coñecemento.
Cremos que coa sensibilidade pola ciencia amosada nos seus programas, é posible atinxir, a curto prazo, un acordo, un consenso de tódalas organizacións políticas, en liña coa nosa demanda dun «pacto pola ciencia» que, como tal, é recollido especificamente nun dos programa electorais, o que agradecemos moi sinceramente. A ciencia quere contribuír ó desenvolvemento dunha sociedade avanzada e, para iso, precisa atención.