As programacións de 30.000 profesores, ao lixo


Iníciase a sétima reforma educativa, desde a LODE de 1985. Volta a desbotar centos de disposicións legais e a estudar as novas. E volta a reorganizar os centros docentes. Por exemplo, co anunciado cambio dos currículos, as actuais programacións didácticas dos máis de 30.000 profesores galegos irán parar ao lixo. As reformas empezan sen terse desenvolvido as anteriores, polo que aos profesionais do ensino dános a sensación de estar inmersos nunha permanente mudanza, na que o BOE e os diarios oficiais das comunidades autónomas nunca rematan de publicar normativa de educación. Ao revés que nos países con mellores resultados, onde os sistemas son estables e hai acordos sólidos nos aspectos educativos esenciais.

 

En España tódalas innovacións corresponden ao PSOE, por ter gobernado a maior parte do tempo e porque o PP, aínda que aprobou dúas leis, non conseguiu desenvolvelas: a LOCE non chegou a entrar en vigor e a LOMCE foi paralizada, incluso co acordo deste partido. Preséntase agora o proxecto de LOMLOE, na que os socialistas insisten nos mesmos acertos e erros das anteriores. Continúa a fomentarse a igualdade de oportunidades e a plena escolarización, pero tamén o aprobado e a promoción fácil. Acértase recuperando os ciclos en primaria e os programas de diversificación curricular na ESO, mantendo unha formación profesional básica ou reformando o sistema estatal de bolsas e axudas ao estudo.

Érrase regalándolle o título da ESO aos alumnos que non queren estudar e mesmo permitindo que se obteña o de bacharelato cunha materia suspensa. Tampouco se atina volvendo a elixir os directores no propio centro docente ou modificando os currículos. Simples cambios terminolóxicos obrigan ás Administracións autonómicas, e como consecuencia a tódolos docentes, a cambiar as programacións cada vez que nace unha lei. Non é de estrañar o desánimo de moitos bos profesionais, que acaban por facer o que consideran mellor e non o que quere o ministro que toca.

O país ten catro retos esenciais: diminuír a taxa de fracaso-abandono escolar, incrementar a porcentaxe de poboación con estudos de secundaria posobrigatoria, reorganizar as avaliacións de diagnóstico do sistema e aumentar o investimento total en educación. Malia que a nova lei pode contribuír a conseguilos, é máis importante un pacto dos partidos políticos pola educación, que ata agora sempre fracasou. Con este acordo evitaríanse as grandes diferenzas entre comunidades autónomas na aplicación da lei e o permanente desexo de desquite para cando non gobernen os outros.

Por Celso Currás Inspector educativo y exconselleiro de Educación

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

As programacións de 30.000 profesores, ao lixo