Clima, paisaxe e atraso

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

PUBLIC DOMAIN PICTURES

04 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na presentación da exposición Galicia, un relato no mundo o presidente da Xunta fixo unha impugnación da auto-conciencia de atraso que a moitos nos sorprendeu positivamente. Esta análise crítica posiblemente sexa derivada desta magnífica exposición que, polo visto, poder servir para asentar por fin un relato do país despegado da idea de atraso secular. Fronte á memoria do vivido pola xeración que supera hoxe os oitenta anos, a historiografía veu labrando nas últimas décadas unha historia dos procesos de modernidade en Galicia anteriores ao tempo no que se xestou esa fortísima e xustificada memoria de atraso. Incluso no ámbito da historia do turismo recentes traballos de R. Vallejo veñen corroborar esa antiga modernidade. O atraso colectivo, especialmente o agrario, está tan asentado no imaxinario colectivo que nega mesmo as evidencias. Mais, como todo o histórico, tamén esa idea se vai co tempo e vén sendo erosionada dende a década de 1980 pola xeración dos netos da guerra. Aos bisnetos xa non lles di ren. Velaí hai que enmarcar a citada impugnación, relacionada cunha relectura da historia que pinta o cadro dun pasado descoñecido. Un pasado moito máis positivo do que sempre escoitastes e, como amosa a exposición, iso resulta innegable na súa materialidade.

Hai uns días un programa sobre Escocia dunha canle española de televisión presentaba as estratexias e as políticas daquelas terras altas para non perder poboación e aproveitar sostiblemente os seus mellores recursos produtivos. Porén, os condutores do programa non entendían que iso pasase por non anchear as estradas, nin que a chave non está na construción e nas obras públicas, senón na capacidade da identidade e da cultura propias para manexar un territorio extenso de poboamento moi disperso, nin que sobre esa base puidese xerarse unha economía que non estraga o país e que sostén servizos públicos. Nos países con arraigada conciencia de atraso coma o noso a obsesión pola modernización fai esquecer que fomos modernos cando cumpría: nos tempos modernos. Sublimamos tanto o progreso, o crecemento e o desenvolvemento que non reparamos nas continuidades nin nas repeticións. Por iso nos custa distinguir o futuro do pasado e acreditar en que consiste o atraso hoxe.

O atraso agora está na continuidade das inercias do século pasado que xa non serven para o futuro. A agroecoloxía, a historia agraria, teñen demostrado que a forma de producir e consumir que herdamos e seguimos usando non pode manterse no tempo pola enerxía que consome e pola contaminación que xera. Acaban de demostralo, nunha historia biofísica da agricultura española que editou o Ministerio de Agricultura, un equipo comandado por Manuel González de Molina e David Soto. O punto de non retorno reside en que as formas de producir propias da revolución industrial de hai dous séculos non son reproducibles a escala global e chegaron ao seu límite. Dende a economía que está pensando a transición ambiental colegas como X. Simón afirman con tino que as ciencias deben servir hoxe para dar a coñecer a fondura do iceberg climático co que irremediablemente imos chocar. Se podemos prepararnos para virar e limitar os danos fariamos un grande servizo ás xeracións do futuro.