A esquerda galega gana

Luca Chao GRUPO COMÚN DA ESQUERDA

OPINIÓN

11 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A de onte non foi unha boa noite. Non o foi en canto se confirmou o ascenso da extrema dereita branqueada nunha campaña que grazas ao señor Pedro Sánchez tamén deu para iso. Soben con forza e parece certo que van seguir dirixindo a axenda política cara os seus intereses. Preocupante reconfiguración no campo das dereitas toda vez que Vox se alza como o líder ideolóxico dese bloque. Negras tormentas no horizonte global, porque isto pasaba ao tempo que o golpe de Estado triunfaba en Bolivia. Mais a noite de onte serviu para confirmar outras cousas. Os números permiten, outra vez, un Goberno progresista. Se o sentido común se impón, isto debera ser unha boa nova para as clases populares, unha obriga para frear a extrema dereita e unha oportunidade para abordar o conflito territorial. Dialogando con todas e todos. Se este non era un plan para recompoñer o bipartidismo, Sánchez debera ter moi claro a quen chamar a primeira hora. Seguimos sendo máis. Por suposto tamén en Galicia, onde contamos con 13 representantes da esquerda fronte aos 10 do PP. Vox queda fóra, motivo, sen dúbida, de ledicia e parabéns. Os resultados evidencian un espazo consolidado á esquerda do PSOE, capaz e obrigado a artellar unha alternativa política que despida a década perdida de Feijoo. Dende a rúa e as institucións temos unha responsabilidade enorme. A cidadanía galega non pode volver soportar catro anos de parálise, outra lexislatura perdida na que se siga destruíndo emprego, na que se sigan minguando os servizos públicos e na que a mocidade siga tendo que marchar.