Sáude, mental

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

10 oct 2019 . Actualizado a las 21:44 h.

Conmovérame moito o caso de Andreas Fernández González, a xove asturiana que hai un par de anos falecera atada a unha cama na unidade de psiquiatría do Hospital Universitario Central de Asturias. Andreas chegara a urxencias cun episodio de febre, amigdalite e alucinacións auditivas, e rematou en psiquiatría atada a unha cama durante 75 horas, para logo descubrir, post mortem, que o que tiña realmente era unha meninxite.

A súa irmá Aitana, que decidiu denunciar aos sete médicos que a trataron, falaba de que non fixeran as suficientes probas para comprobar se o que tiña Andreas era de orixe orgánica, e tomaron a decisión de ingresala en psiquiatría, probablemente polos seus antecedentes familiares. Pois un dos informes médicos das súas visitas durante eses días poñía: «Nai con esquizofrenia, pai con depresión maior». Aitana segue a loitar por facer xustiza á morte da súa irmá.

O caso de Andreas conmovérame por moitas razóns. Lembrei á miña nai hai trinta anos, cando a unha das miñas irmás non lle baixaba a febre e estaba a delirar. Lembrei como a mandaran para casa varias veces, e como, xa desesperada, levouna a rastro ao noso doctor Gallego, o «médico dos pobres» de Ourense, que lle dixo: «Volve a urxencias, dilles que ten meninxite, e non saias de alí». Tamén lembro acotío como é a calidade da escoita cara outra das miñas irmás; e como o seu historial psiquiátrico é o único prisma que utilizan para escoitala.

Pero falar de saúde mental é falar de saúde. Loitar por sacarlle o estigma e normalizala para poder avanzar xustamente cara a diversidade é tan importante coma loitar contra as neglixencias que seguen a pasar acotío a tódolos niveis da sociedade.