Vendima no Salnés

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

06 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu amigo Roque Durán fala dun «exército invisible», máis de 4.000 viticultores que dende hai dúas ou tres semanas traballan viñas, parras e espalleres apañando o froito dourado que xa ferve nos pipos, antes de madeira ou fustalla, coma os do señor Amador da Carabuxeira, a onde me levaba o meu pai a probar o mosto, agora en depósitos de aceiro de 20.000 ou 25.000 litros de capacidade, coa temperatura controlada para garantir o resultado final do proceso. Dos aproximadamente 65 millóns de quilos de uva que produce Galicia, o 40 % leva denominación Rías Baixas, e desa porcentaxe o 65 % cultívase do Salnés, a inmensa maioría albariño, aínda que tamén algo de treixadura, loureiro e caíño branco. Os tintos son o espadeiro, que cantou Ramón Cabanillas, caíño e torrentés.

Estes días o Salnés é unha festa. Non só o Salnés. A cultura do viño ten territorios grandiosos como o Ribeiro, o Rosal, Monterrei, a Ribeira Sacra… Mais no Salnés hai estes días unha música especial, que evoco na memoria da miña infancia. As mulleres a cantar debaixo das parras. O trasego en cestos e capachos, agora en caixas perforadas para que respire a uva. Os nenos ao rebusco. Non sei se é certa a historia que contaba Cunqueiro das cepas que viñeron no Rhin polo Camiño de Santiago e aquí adquiriron a personalidade que as caracteriza, mais tanto ten. A lenda (os mitos) tamén forman parte da historia, constrúen cultura, axudan a crear riqueza. Hai sesenta anos, cando as primeiras festas do Albariño no Salnés, este viño era practicamente un descoñecido. Hoxe move mercados polo mundo adiante, principalmente nos Estados Unidos (sete millóns de botellas o ano pasado), na Gran Bretaña, Alemania, Países Baixos, Puerto Rico, México, Canadá, Suíza, Noruega… A última descuberta é Xapón.

>Na Ribeira Sacra acuñaron unha denominación que me gusta, «Viticultura heroica», para salientar o impresionante esforzo do cultivo da uva nas altas caeiras dos socalcos enriba do Sil. Calquera que coñeza aquel mundo abofé que ha ficar abraiado. No Salnés falan de «viticultura social», para salientar a activa participación das familias, a íntima relación das parras coa xente. Catro mil hectáreas de produción dan unha media de hectárea por viticultor, bastantes delas organizadas en cooperativas xa cunha dimensión importante (Martín Codax, Condes de Albarei, Vinícola Arousana, Terras Gauda no Rosal, que tamén está dentro da denominación Rías Baixas), outras de carácter máis modesto, como Terras de Asorei, que reúne seis familias, pero que produce xa arredor de 300.000 botellas, o 60 % das cales van para o mercado exterior e levan a lingua galega nas etiquetas. A cultura da modernidade ten que reinventarse así: dende a identidade, que nos dá un lugar no mundo, e dende a calidade do produto, que nos permite estar presentes nos grandes espazos da globalización.