En Europa somos expertos en acuñar termos que banalizan inxustizas sociais, con desequilibrio claro nos sacrificios, coma os de «transición xusta» ou «globalización».
Desmoraliza a clase de mundo que estamos permitindo no eido laboral e, aínda mais, que non exista un movemento progresista a escala mundial reaccionando con rotundidade diante desta crise de modelo de intensa deslocalización das grandes industrias europeas, sobre todo cara o sueste asiático, onde se produce sen ningunha esixencia de cumprimento de normativas ambientais, laborais ou de outra índole.
Quizais por iso non é de estrañar que cando a comisario europeo Arias Cañete promoveu unha modificación no mercado de dereitos de emisión de CO2, diante das presións de lobbies con interese en promover a substitución de combustibles fósiles por outros tamén fósiles que reportan máis beneficios, ningunha opción progresista alertara das consecuencias en termos de emprego que levaría unha nova concesión ao liberalismo, de renuncia á presenza e ao papel das institucións nun ámbito estratéxico, como é o enerxético, de onde o Estado nunca debeu saír, por moitas supostas esixencias europeas no cumprimento dos criterios de converxencia, cando contaba cun instrumento poderoso para poñer en práctica o modelo de transición xusta, de regular o mercado e propoñer vangardas tecnolóxicas; a Empresa Nacional de Electricidade, S.A., que sen deixar de ser empresa, non descoidaba a súa responsabilidade social cos seus traballadores e coa sociedade, foi entregada ao mercado pola exigua cantidade 1.200 millóns de euros, un prezo ridículo se temos en conta que falamos dunha das maiores eléctricas do mundo, con presenza estratéxica en Latinoamérica. Este instrumento empresarial público si foi salvagardado pola dereita e esquerda en Francia, que mantiveron a titularidade pública de EDF, ou mesmo ENEL en Italia.
Pois ben, noutra volta de torca, se autoriza aos fondos e bancos que nesta década provocaron a maior crise económica da era moderna a que poidan especular con ese aire que respiramos como se especula no mercado de futuros do petróleo, poñendo así en perigo o tecido produtivo pesado, as grandes industrias tractoras, que se verán obrigadas a marchar ou a restar as oportunidades de mellora aos seus traballadores e traballadoras, para engordar os beneficios de empresas financeiras coma a nortemericana JP Morgan, entre outras, a pesar de que o seu país de orixe non subscriba o Protocolo de París e sen que a Unión Europea impoña barreiras a produtos fabricados en países que non cumpren ningunha lexislación ambiental, un claro caso de competencia desleal.
Ademais este incremento dos dereitos de emisión, sen ningún tipo de control por parte dos estados, é un custe á alza que internaliza a tarifa eléctrica e que acaba pagando o consumidor, trocando o principio de «quen contamina paga» por outro mais popular, «aquí pagan os de sempre»: os cidadáns e a xa reducida competitividade das nosas empresas.