O que se xoga en Europa


A estratexia de Steve Bannon cando creou o Movemento para reunir a todos os grupos da dereita populista europea, con sé en Bruxelas, representando os grupos e lobbies contrarios ás vindicacións feministas, os dereitos de asilo e refuxio, e a loita contra o quecemento global, non acadou o seu obxectivo na eleccións ao Parlamento Europeo. Querían coar un cabalo de Troia no corazón da Unión para dinamitala desde dentro, mais a ofensiva segue aberta. Tres sucesos recentes van na mesma dirección.

No último encontro do G20 confirmouse o corte de mangas de Trump para sumar os EUA á loita contra a crise climática, absurda e incomprensible actitude negacionista que só pode responder a grandes intereses económicos e -por que non- ideolóxicos. Case ao mesmo tempo, as alianzas postelectorais que transixen cos postulados de Vox, os seus representantes en España, fixeron Madrid -antes, Andalucía-, os escenarios onde probar a súa fórmula integrista e reaccionaria en todo o que ten que ver coa violencia machista. Seguindo coa secuencia temporal, en Italia o capo da ultradereita, Salvini, vén de aldraxar o dereito internacional coa súa negativa a acoller o Sea Watch, detendo á súa capitá, Carola Rackete, por querer salvar a corenta e dous náufragos en transo de morte, e acusala de encabezar unha operación criminal.

Velaí o trípode a combater: feminismo, ecoloxía, refuxio. O mellor da nosa civilización foi o que se avanzou en dereitos humanos, respecto ás persoas, demandas para salvar a natureza, avance da loita contra a desigualdade e a discriminación sexual... Precisamente, o que nos identifica como esencia dunha Europa que ás veces semella caduca pero que segue en permanente construción. Máis ca nunca precisamos da súa rexeneración e o momento é idóneo. O liderado de Alemaña e Francia, ancorado na beira dereita do taboleiro, está esgotado e semella chegado o tempo de que outras opcións máis afíns á socialdemocracia como España ou Portugal tomen o relevo. Estamos nos días cruciais para ver como se resolve o reparto de responsabilidades nos órganos políticos e de xestión da Unión Europea, con decisións relevantes como a dirección do Banco Central ou o cambio nos comisariados, onde podería haber lugar destacado para nomes de mulleres con perfil feminista.

A opción de Borrell de seguir á fronte do Ministerio de Asuntos Exteriores non é unha decisión menor, pois desde esa tribuna ten acceso diferente á interlocución con todos os actores principais da política internacional.

Unha vez se disipe a posibilidade dunhas novas eleccións en España, será o momento de definir estratexias tendentes a frear o pelotón de reminiscencias fascistas que quere tomar as rendas das sociedades máis desenvolvidas do mundo. Convén que vaiamos tomando conciencia de que é o que nos estamos a xogar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

O que se xoga en Europa