Estoupido lunar

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

29 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun disco, só en aparencia, da mesma dimensión que o do Sol, a función astrolóxica da Lúa arrinca desde comezos da humanidade. Ela é o símbolo do pasivo e do fecundo; muller, noite, lentura da terra, subsconsciente, imaxinación, psique, soños, creatividade... En xeral, o que se considera inestable, transitorio, aberto ás influencias, mestizo. Sabido é que a Lúa dálle a volta ao zodíaco en vinte e oito xornadas, chamadas casas, ciclo máis antigo que o solar, a penas unha ducia de signos. De aí a súa vital importancia en todas as relixiós e tradiciós, nas culturas do mundo. Considerada o símbolo cósmico por excelencia, difúndese en todos os tempos por moi diversos medios: mitoloxía, folclore, poesía, ciencia, as máis sofisticadas tecnoloxías... Potencia fecundadora, vexetal e animal, dadora de vida, almas e corpos femininos, forza motriz que desenvolve e potencia os sentidos, vigor que influencia en todo, alento que perdura. E velaí que Nicolás González Aller (Lalín, 1951), artista de emociós no pulso e no corazón, vocación de liberdade irredutible, dos que transitan vieiros coa ollada limpa, decidiu homenaxear ao sabio científico que esculcaba o ceo sorrindo mentres descubría estrelas: seu tío avó materno, o galeguista don Ramón María Aller Ulloa. Faino desde o respecto e a consideración, con altura e nobreza, virtudes que o distinguen -das que endexamais fachendea-, arredor dun seu cadro dos 90, no que o cura matemático e astrónomo -todo humildade no rostro e nas maus- aparece agarimado polos rapaces da familia. Eu xa vira ese lenzo no pazo de Filgueira, en Lalín, un dos soares dos Ulloa, despois tamén dos Aller, unha fermosa mañá de primavera, logo de atravesar o ledo paseo de carballas centenarias que xuntan as pólas coma brazos, cara ao ceo. Mais o pintor, transcendendo a propia traxectoria, experimentando e renovándose -como debe ser- desde o húmido silencio do seu obradoiro de Boimorto, Vilamarín, preséntanos unha obra espléndida no Espazo Cultural de San Martiño Pinario, en Compostela. A luz e maila cor asentando palabras e acenos, disparando formas que son espectros no solpor, cataclismos, meteoritos rolando incandescencias, bolboretas de Orión... Un estoupido gozoso que reclama unha leira na Lúa.