Baixar da nube

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

07 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo das técnicas, sobre todo as do intanxible, como a chamada telemática, vaise enchendo de diversas palabras moi suxestivas, mesmo poéticas, para axudaren a entendermos o que indican. Caso claro é o concepto de «a nube» (que algúns se atreven a chamar en spanglish «el cloud», e chegan a pronunciar como «el clauz»).

Meses atrás produciuse un desastre natural de enormes dimensións en Porto Rico, illa cuns niveis de tecnoloxía telemática coma calquera rexión dos Estados Unidos. A destrución das infraestruturas polas que se emiten e reciben as ondas (antenas) e polas que viaxan electróns (condutores de cobre) e fotóns (fibras ópticas) fixo pensar que o furacán arrastrara a «nube». Hai pouco, na prestixiosa revista Time viña unha páxina de anuncio dunha empresa de telecomunicacións a mostrar as súas habilidades para construír redes, tanto de medios abertos (radio) como confinados (cabos); e manifestaba experiencia en deseño e obra de centros de xestión de datos con normativa de alta seguridade.

A maioría dos usuarios de servizos aloxados na nube non saben que a tal figura vaporosa é unha malla de grandes ordenadores, gardados en edificios especiais e interconectados. Son máquinas lóxicas, de compoñentes metálicos, que consumen electricidade para procesar e intercomunicárense.

Despois de todo o explicado neste artigo, estou convencido de que vostedes estarán de acordo comigo que para entender esa «nube» da que tanto falan convén, dende logo, baixar á terra.