Poemas contra unha derrota

OPINIÓN

Esta noite, no Barco de Valdeorras, o colectivo Proxecto: Letras de Florencio inaugura unhas xornadas literarias de estudo e divulgación do poeta patrio Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). Nacera en Córgomo, aldea tan presente no seu labor literario que mesmo empregou, en varias ocasións, o pseudónimo Corgomófilo. Non só Delgado Gurriarán amou e gabou a aldea natal senón que cantou, antes e despois da Guerra Civil, as paisaxes, os viños e as xentes da súa ilustre comarca. Agora ben, Delgado Gurriarán, poeta moderno desde Bebedeira (1934), non só é o gran poeta matriótico das terras valdeorresas; foi tamén, no trienio bélico e nos anos de exiliado en México, unha musa protestataria, de moi elevado estro satírico, nomeadamente cando ridiculizaba a Franco, á Falanxe e a certos desleigados. Outras virtudes literarias resplandecen nos seus libros: Galicia infinda (1963), Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986). Deles falarán Víctor F. Freixanes, Camilo Valdeorras e Ricardo Gurriarán.

Esta noite eu disertarei sobre un libro colectivo no que a súa concepción e a súa man están moi presentes: o Cancioneiro da loita galega, publicado en México, polo Partido Galeguista, no Día de Galiza do ano 1943. Era un tempo no que os republicanos exiliados -despois da derrota nazi en Stalingrado- xa acariñaban algunhas faíscas de esperanza, e, nese clima, Delgado Gurriarán inventa e constrúe un libro contra a derrota de 1939. É un volume de 158 páxinas que contén, ademais de cancións patrióticas galegas, 35 poemas «civís» asinados, na súa maioría, con pseudónimos, un deles, Nadel, co que Delgado Gurriarán nos ofrece doce textos con títulos como Morte de Alexandre Bóveda, A un vello falanxista ou As cabalgadas do Farrucón Farruquiño. Finaliza esta colectánea con once poemas de Ramón Rey Baltar (1882-1969), emigrante que na Arxentina publicara, en 1939, o poemario A gaita a falare, onde glosa varias estampas de Galicia mártir de Castelao (1937), recolleitas, en parte, no Cancioneiro organizado por Delgado Gurriarán. Nas páxinas deste Cancioneiro cantan e protestan as musas máis elocuentes do exilio galego.

 Libro ideado en 1943 para manter vivo o espírito republicano e galeguista, foi practicamente descoñecido en Galicia durante a era franquista. A primeira vez que eu souben del foi o 29 de agosto de 1993, data na que batín cun exemplar que acababa de legar Ramón Martínez López á Biblioteca Penzol, exemplar que era unha fotocopia! Despois de moitas indagacións, Isaac Díaz Pardo e mais eu tivemos acceso ao exemplar de Bieito Fernández, que foi o empregado para facermos a edición facsimilar que eu prologuei en 1996.