A maior estafa

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

09 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os pais de Nadia acaban de ser sentenciados a penas de cárcere, condenados por estafa. Por mentir sobre a enfermidade da súa filla e utilizala para recadar centos de miles de euros e utilizalos no seu beneficio.

A pena inclúe a indemnización ás persoas que, de boa fe, fixeron doazóns, así como unha multa e asumir os custos do proceso xudicial.

Pero, para min, a maior estafa queda sen xulgar. E é, ao meu ver tamén, a máis grave. Nadia é a maior prexudicada. Seus pais estafárona a ela. Mentíronlle máis ca a ninguén. Utilizárona. Porque Nadia é unha nena, en concreto, a súa nena, a súa filla.

Está enferma, claro que si. Padece unha enfermidade rara, ticotriodistrofia, que lle provoca certas alteracións, pero queda lonxe de que estea en perigo de morte. A nena quizais nin se decataría disto, porque os nenos non saben como ten que ser o mundo. Para eles, a vida é tal como se lles presenta. Iso ata que empezan a medrar, observar e comparar ao seu redor. E sabe que fixeron con todo isto? Matarlle a infancia. A maior estafa. Deixárona, ademais, estigmatizada.

Ten ao pai na cadea. A nai acaba de ser condenada (salvo recurso) a prisión. Que vai ser dela? Por que ese sufrimento gratuíto? E xa non falo do sinal que lle van deixar para sempre. Porque Nadia ía a un colexio. Tiña compañeiros, fillos de veciños estafados. E por moito que non culpen á nena, vai ser difícil que non a miren e sintan carraxe cara aos pais e mágoa cara a ela. A explotación da pequena é absolutamente inadmisible.