Puigdemont e a oca

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

22 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Puigdemont conseguiu ser aborrecido en España e se os analistas políticos ven nel un dirixente cínico e irresponsable, como persoa é considerado parvo ou tolo en infinitos chistes anónimos, de enxeño desigual, e non faltan opinións de psicólogos que o describen como fanático, sectario, ególatra e mesiánico.

Que de parvo e tolo Puigdemont non ten nada é tan certo como que de fanático e sectario ten todo. Son verdades evidentes para calquera observador obxectivo e non necesitan demostración. O de ser ególatra e mesiánico é fariña doutro costal e haino que deducir das súas declaracións.

Ególatra parece cando se manifesta orgulloso de si mesmo e de terse feito a si mesmo: «Me considero con ánimo y con fortaleza interior para afrontar los retos. Nunca me han asustado». «Afronté a una edad muy temprana la dureza de la vida y me he cultivado a mí mismo». Cando se describe nun autorretrato que se lle parece como un ovo a una castaña: «Soy un antidogmático total. No soy una persona de las que sobreponen la ideología a la razón. El sectarismo me crea urticaria».

En canto ao mesianismo, non hai dúbida de que se sinte o caudillo chamado a cumprir unha misión histórica, que para el é tamén relixiosa. En abril de 2017 declarou: «Mi obsesión no ha de ser ver la independencia, sino hacerla posible algún día». É un novo Moisés que abre camiño á Terra Prometida, aínda que, coma o personaxe bíblico, tampouco el chegue a vela. A súa fe sostense nos firmes alicerces do catalanismo e do catolicismo; os da Igrexa catalana que se expresara a través de Torras i Bages, bispo de Vic: «A Cataluña la hizo Dios, no la hicieron los hombres y Cataluña será cristiana o no será». Das estadías pasadas, de mozo, no mosteiro de Poblet, di Puigdemont: «Allí aprendí qué soy y qué no soy».

Todo en Puigdemont é, en apariencia, transcendente, heroico, ideal; pero non é así e de demostralo encargáronse os caricaturistas con imaxes desmitificadoras. A caricatura -Henri Bergson cualificouna de «arte diabólica»- descobre os segredos da cara do modelo e, como a cara é reflexo da alma, tamén os segredos da alma. A clave da caricatura está en apreixar a expresión do modelo, que está nos ollos e na boca. Nas caricaturas de Puigdemont os ollos teñen sempre as pálpebras semicaídas e a boca non deixa de surrir. Puigdemont surrí sempre, cun surrir contido; sen despegar os beizos, sen mostrar os dentes. É unha boca como a dos patos debuxados por Walt Disney, pero, en conxunto -a ollada lánguida e os beizos fruncidos-, a expresión de Puigdemont, fixa como a dunha carauta, non é de pato, senón de oca.

A expresión da oca é a de quen non perde xamais a serenidade, de quen ten fe absoluta en si mesmo, de quen está por riba do ben e do mal. Puigdemont, apaixonado do espiritismo e do ocultismo, sabe que a oca foi mensaxeira entre o Ceo e a Terra no antigo Exipto, sagrada en Grecia e en Roma; e pensa que o xogo da oca, alegoría do Camiño de Santiago, pode selo tamén do procés. Por iso, consciente ou inconscientemente, adoutou a fisonomía da oca. Ou do ganso. En calquera caso, narcisismo puro e duro.