Nacer, morrer


Hai anos preguntei en varias ONG que acontece cando alguén sen familia enferma gravemente, se converte en dependente ou padece unha patoloxía psiquiátrica. Silencio. Morrer en soidade debe de ser un dos peores transos da vida. Ninguén con quen falar das angurias. Ningunha man que aloumiñe as tempas ou seque as bágoas. Sempre lembro a Poe e o seu conto sobre o enterro prematuro. Temos que mirar os uns polos outros. Nestes tempos nos que as redes familiares rachan porque a familia esfarela, cómpre cultivar cando menos unha mellor fraternidade cívica. Claro que para iso hai que superar a vaga de anomia que nos ensume como sociedade. Milleiros dos nosos compatriotas, irmáns por ser fillos dunha mesma patria, viven en penuria e illamento, como enterrados en vida. Véñenme á cabeza esas terribles escenas de parellas nas que un coida como pode ao outro impedido, e nas que o coidador -xeralmente coidadora, por ser a muller un ser superior en ética- morre de súpeto. O que pervive agonía vendo impotente como se desfai o corpo do ser querido. Acontece máis veces das que debera, tanto no rural como no centro das nosas cidades. Lembro tamén a Aarón Cabadas Bienzobas, un neno galego de dous aniños, morto por inanición en Ponteareas, en setembro do 2006, na España da Champions, que ía adiantar en renda a Francia. El e a súa irmá, un ano maior, só tomaron auga durante dous meses, segundo relata a sentenza da Audiencia de Pontevedra. Pedín daquela que se lle dedicara un parque ou unha escola infantil para lembrar a súa memoria e limpar a nosa vergoña, pero ninguén quixo lembrar, nin sequera os nosos prolíficos escritores de contos infantís. Temos un problema e debemos solucionalo. Nós. Non só o Estado, a comunidade autónoma, a deputación e o concello. Nós. Os que collemos excrementos de cans na rúa. Os que botamos horas no bar, vendo os pelotazos dos defraudadores tipo Messi ou Ronaldo. Porque ninguén está ceibe de agoniar só, nin sequera as supernais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos

Nacer, morrer