Parecía imposible, pero aí está, a dous pasos da Casa Branca: un gran home de negocios que devolverá a América, segundo os seus seguidores, os días de esplendor que lle fixeron perder os inmigrantes, os negros, os mexicanos, os europeístas, as feministas, e mesmo todas esas mulleres independentes que non se deixan manosear por un gran magnate.
De nada serviu que Tony Schwartz, o autor da suposta autobiografía de Trump A arte da negociación, que sentou as bases do éxito de Donald Trump, declarase ao New Yorker que, contrariamente ao que escribiu no libro, Trump é un pésimo home de negocios; o seu pai librouno en varias ocasións das consecuencias ruinosas dos seus negocios, e é mentireiro e incapaz de rectificar.
O arrepentimento de Schwartz chega tarde: a imaxe dun Trump capaz de xerar riqueza e de blindar América contra os inmigrantes pobres calou fondo nun país onde, mal que nos pese, hai millóns de ignorantes , retrógrados, racistas e machistas que non soportan a idea dunha muller presidenta. E votarán a un «porco ao que lle pintei os beizos», dixo Schwartz. O peor de todo é que eles votan, pero as consecuencias pagarémolas o resto do mundo sen que podamos facer mais que rezarlle a santa Rita, avogada de imposibles.