Fóra da realidade

X.L. Franco Grande SOLEIRA

OPINIÓN

29 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Moita xente debe de ter a idea de que os políticos viven nun mundo irreal, alleo para a maioría das xentes, ou que non teñen idea da realidade que a todos nos afecta, tratando de facer grandes problemas de cousas insignificantes -a desfeita, por exemplo, que din que pode ser unhas terceiras eleccións, entre tantas outras babecadas-. Dá pavor pensar que nin de lonxe se refiren ao que, entre outros moitos asuntos, pode ser o rei de todos eles: a situación dos que, con 40 ou 45 anos, nunca tiveron un traballo. ¿Coñece alguén algunha proposta merecente dese nome que abra posibilidades e esperanza para tanta xente? Nin unha proposta. Fálannos de liñas roxas que non se poden traspasar, de abstencións para investiduras, de partidos que hai que excluír de negociacións.

Ou sexa, pequeneces en comparanza co anterior.

Poñamos agora un exemplo sobranceiro, como o anterior, pero referido a Galicia: ¿Coñece alguén unha proposta que mereza ese nome coa finalidade de evitar que en moi poucos anos o país galego se converta nun mato, en algo moito peor ca un monte, verdadeiramente inhabitable para humanos? ¿Estamos tan lonxe disto?

Sinalamos dous problemas, pero poderiamos seguir coas pensións, a sanidade, a educación, a dependencia, a vivenda, o emprego, ou coas graves cuestións do crecemento do crédito sen parello crecemento da renda, da pobreza e as desigualdades. Porque canto máis graves son semella que menos atención merecen.

Moita xente pensa, e coido que con razón, que os políticos viven noutra realidade, nun mundo cheo de intrigas, cambadelas e raposadas que pouco teñen que ver coas súas preocupacións.

Por iso pensan, e infelizmente pensan ben, que non se ven nin se senten representados por eles. O peor é que estes seguen sen se decataren.