Malia a súa aínda breve andaina -hai case un ano que celebrabamos o primeiro cuarto de século dunha película netamente galega-, o cine feito en Galicia hai tempo que se pode mirar de igual a igual cos traballos doutros lugares cunha tradición fílmica máis longa. Entre outros factores, os avances tecnolóxicos permiten converter en realidade ideas que antes poderían parecer fantasías. E aquí ideas hainas. As candidaturas dos premios Goya veñen recoñecer isto mesmo: oito nominacións para El desconocido, de Vaca Films -e co traballo de Dani de la Torre, Luís Tosar e Jorge Coira, entre outros-, e cadansúa para os filmes animados Maimiño e Noche ¿de paz? Precisamente a animación é un eido pioneiro en desenvolver unha característica que comparten as tres cintas aspirantes: achegar historias universais, como Polgariño ou o Nadal, a un enfoque particular, ou converter paisaxes propias en escenarios de thrillers, cunha factura que ata agora parecía reservada aos grandes orzamentos norteamericanos. É un tópico dicir que ser candidato xa é un premio, pero no caso de Noche ¿de paz? tamén recompensan a teimosía do seu director, Juan Galiñanes, quen logrou que o público vise nos cines a súa película tres anos despois de rematada, vítima e testemuño das nosas aínda febles estruturas económicas. E iso non convén esquecelo.