A guerra na casa

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

15 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Inevitablemente, nada máis saber a noticia, pensei nos refuxiados: eses centos de miles de persoas (familias enteiras) que dende hai tempo fuxen da masacre, das varias masacres que sostemos ou consentimos case que na porta da casa e diante das cales miramos cara a outro lado. Porque o Mediterráneo, o Oriente Próximo, África son a porta da casa, o patio de veciños, coma quen. O mundo arde diante de nós e seica non queremos enteirarnos. E alguén dirá; ¿xustifica iso a barbarie, a morte dos inocentes, as Torres Xemelgas en setembro do 2001, Atocha no 2004, Londres no 2005, os atentados en Francia, Bruxelas, Túnez, Kuwait, Ankara, Bulgaria, o avión do Sinaí, os cooperantes e xornalistas decapitados publicamente? En absoluto. Como tampouco os cadáveres retirados de entre os cachotes logo dos bombardeos contra os campos de refuxiados de Palestina, nin as vítimas igualmente inocentes de Irak, Siria, Kurdistán, Afganistán, ou os nenos das praias de Grecia, as pateras de Sicilia e de Xibraltar, por non falar da África máis profunda: o Chad, Nixeria. Etiopía, Somalia? O que quero dicir é que a traxedia das guerras (e isto non deixa de ser unha guerra global, con moitas frontes dispersas) son sempre as vítimas anónimas, inocentes todas, que non saen nos papeis: iso que agora chamamos «danos colaterais».

Os 128 mortos de antonte en París, que no momento de escribir este artigo se cadra son máis, forman parte desa lexión de inocentes. Igual que os mortos das Torres Xemelgas, dos trens de Atocha, do metro de Londres? A diferenza é que a estes, que consideramos os nosos, poñémoslles cara e ollos. Non así aos 250.000 que levan caído en Siria, por poñer outro caso, todos poboación civil.

Non se trata de adoptar posturas anxélicas, tan propias da pseoindetlectualidade, tampouco de autoflaxelarnos. O mundo converteuse nun enorme espazo próximo, sistema de vasos comunicantes, no que todos temos responsabilidades. Certo que o ser humano non é un espírito puro, e que a civilización construíu valores (de liberdade, democracia, respecto pola diversidade, xustiza social, etcétera) que cómpre defender, mesmo contra a intransixencia mesiánica e o totalitarismo fanático, pois eses valores erguéronse historicamente con moitos sacrificios, tamén nalgúns casos con vítimas inocentes. Pero non podemos mirar para outro lado. A desigualdade, a inxustiza social, a opulencia duns poucos a costa da escravitude de moitos, etcétera, son realidades sociais que pasan facturas terribles.

Hai tempo que a civilización occidental, da que formamos parte, está sentada enriba dun polvorín, bomba de reloxería que non se desactiva apelando ás razóns da forza, senón ás razóns da política (que son as razóns do humanismo e da intelixencia). ¿Onde vai aquela orde internacional que nalgún momento esta mesma civilización reivindicou a prol dun mundo máis xusto, máis habitable? Ata hai pouco pensábamos que a guerra era algo que quedaba moi lonxe e saía nos telexornais. Pois non.

Cómpre facernos á idea de que a temos dentro da casa.