Granito de Mauthausen

Miguel Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

Moitos dos fermosos palacios de Viena levantáronse en tempos do Imperio Austrohúngaro con pedra do Böhmerwald, a cabalo entre a República Checa e Austria, onde están algunhas das montañas máis antigas de Europa. De feito, a empedrada de Viena fíxose en boa parte deste granito da rexión de Linz. Nela pisaron Freud, Hitler, Trotsky, Stalin, Wittgenstein, Popper... -no ano 1913 os cinco mesmo chegaron a coincidir brevemente-. Así que se pode dicir que sobre ese chan mineral se ergueu o edificio sólido e terrible que foi o pensamento do século XX.

O Imperio derrubouse e as canteiras de Linz, abandonadas por un tempo, cubríronse de herba verde. Ata que en 1938, poucos meses despois da chegada dos nazis ao poder en Austria, alguén se acordou da fermosa e dura pedra do Böhmerwald. Pensouse que de aí podería saír o material para construír un novo Reich que durase mil anos. Deste xeito, mediante a decisión dun arquitecto, foi como se reabriu a canteira de Mauthausen para convertela nun campo de concentración. Alí morrerían entre cen mil e trescentos mil presos ata que o campo foi liberado en 1945, fixo setenta anos esta semana.

A pesar de que en Mauthausen se ensaiaron moitas variantes do crime, o símbolo segue a ser a canteira de granito e os 186 chanzos que os prisioneiros tiñan que subir cargando cos bloques que extraían dela, ata a morte por extenuación. Entre os miles de presos que pereceron nese percorrido tráxico había un centenar de galegos -na lista figura Jesús Murado, un parente-. Nacidos nunha Arcadia do granito foron morrer a un inferno de granito. Pregúntome se algún deles sería canteiro, e se ao pasarlle a man á superficie áspera da pedra tería polo menos un instante de felicidade ao acordarse da casa.

Máis de sete mil españois, en total, pasaron por Mauthausen. España prefire, en cambio, conmemorar todos os anos a liberación do campo de Auschwitz. É unha memoria igualmente terrible pero máis cómoda, porque evita preguntarse sobre o papel do franquismo na Segunda Guerra Mundial e o verdadeiro significado histórico da Guerra Civil. A fotografía da bandeira republicana saudando ás tropas americanas no día da liberación de Mauthausen é unha imaxe que fai preguntas que non son fáciles de contestar. Por iso mañá, na conmemoración oficial da liberación do campo, o xefe do Estado, que pronunciou un discurso solemne no día de Auschwitz, non estará presente. Irá na súa representación simplemente o ministro de Exteriores. Nin sequera se reparou na ironía: foi un antecesor no cargo, Ramón Serrano Suñer, quen pediu a Hitler que enviase aos prisioneiros españois a Mauthausen. Así é a lectura institucional do pasado histórico: un recordo que sirve para esquecer.

Hoxe a canteira de Mauthausen está outra vez cuberta de herba verde, silenciosa como un cemiterio. Cos bloques que faltan, efectivamente, se construíron moitos dos edificios oficiais da Alemaña nazi: cuarteis, ministerios ou comisarías que acabarían destruídos na guerra. Pero as pedras volvéronse a empregar nas restauracións e seguen por aí, só que colocadas en distinto orde, disoltas na arquitectura de moitas capitais europeas. En principio non é fácil distinguilas a simple vista, pero supoño que un xeólogo cun libro de mineraloxía, ou un supervivente de Mauthausen cos ollos pechados, poderían recoñecelas. Canto á escaleira dos 186 chanzos, refíxose a unha escala cómoda para que os turistas poidan visitar o lugar sen perigo. Un cartel advirte que está prohibido acampar e lavar o coche.