Arias dimite

OPINIÓN

07 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Fernando Ónega no libro Juan Carlos I. El hombre que pudo reinar que cantos trataron ao Rei coinciden en cualificalo de «astuto». Con Arias foino cando quixo forzar a súa dimisión. A través de Manuel Prado y Colón de Carvajal, contactou co prestixioso xornalista americano Arnaud de Borchgrave para que lle fixese unha entrevista sobre a situación política en España. O 26 de abril, Arnaud afirmaba no semanario Newsweek: «O novo mandatario de España está gravemente preocupado pola resistencia da dereita ao cambio político. Cre que chegou a hora de facelo, pero o primeiro ministro Carlos Arias, que detenta o poder dende os días de Franco, demostrou máis inmobilismo que mobilidade. En opinión do Rei, Arias é un desastre sen paliativos, que se converteu en soporte dos leais a Franco, coñecidos como o búnker.

Calquera outro dimitiría, pero Arias non. Prohibiu a distribución da revista e seguiu presidindo o Goberno. O 19 de xuño, o New York Times e o Herald Tribune publicaban declaracións de Fraga, mostrándose partidario de legalizar o PCE. Arias esixiulle unha rectificación, Fraga negouse e o presidente do Goberno soubo que estaba so. Cando o Rei o chamou o 1 de xullo, evitoulle o mal trago e presentoulle a dimisión.